25 feb 2013

Xoiería Carreira, un clásico en Ribadeo

Xoiería Carreira, forma parte da historia do comercio tradicional e familiar

 

Centro Comercial Aberto de Ribadeo - ACISA

 

 

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo fundouse en maio 1989, despois de máis de cinco anos de traballo dun grupo de coñecidos empresarios da vila. Na actualidade conta cuns 200 asociados (información dada polo CCA).

 

Foi a principios do novo século, do XXI, cando se creou o Centro Comercial Aberto de Ribadeo que logrou, entre outras cousas, a peatonalización das principais rúas comerciais da vila. Ao CCA pertencen 130 establecementos e os outros 70 forman parte da importante sección da hostaleira ribadense. 

 

Son numerosas as campañas promocionais que organiza o CCA ao longo do ano para potenciar as compras no comercio tradicional de Ribadeo, un dos máis fortes da comarca da Mariña de Lugo e do Occidente asturiano. Hai feiras de stocks e noites abertas ademais das citas máis tradicionais, como son días da nai e do pai, o Antroido, o día de San Valentín, as rebaixas de verán e de inverno e o Nadal. 

 

Hai dous anos que ACISA celebra a súa gala ou festa do sector na que se recoñece a figura dun asociado que destaca pola súa traxectoria e tamén a unha persoa, ribadense de nacemento ou de adopción, que promova a súa vila aló por onde vaia. ACISA organiza tamén diferentes xornadas gastronómicas e outras citas nas que comercio e hostalería van da man. 

 

Roberto Rivas Beatriz Irigoyen (Presidente e Xerente)

 

Roberto Rivas Tomé é desde hai un ano o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo. E Beatriz Irigoyen é a xerente do Centro Comercial Aberto desde o 2008. 

 

Páxina web: www.ribadeocca.es

 

 

 

 

Xoiería Carreira, un clásico en Ribadeo

 

 


Corría o 16 de novembro de 1932 cando Jesús Carreira González, natural de Outeiro de Rei, decidiu establecerse en Ribadeo e dedicarse á venda e compostura de reloxos e tamén de lentes graduadas e de sol. 

 

 

Abriu as súas portas na rúa Reinante, 7. Xoiería Carreira foi e é un negocio familiar e artesanal “porque as reparacións dos reloxos seguímolas a facer nos nosos talleres, aínda que agora a maioría son electrónicos fronte aos de antes que eran de corda”, tal e como explica Jesús Carreira Braña, fillo do fundador deste establecemento, que con tan só 15 anos comezou a montar lentes graduadas e a amañar reloxos a carón do seu pai. 

 

Carreira Braña lembra que seu pai pagaba 25 pesetas de renda, a mesma cantidade que abonou pola licenza de apertura, tal e como aínda hoxe se pode ver nun documento exposto no interior da xoiería. Jesús Carreira conta que a óptica de anteojería naceu asimilada á reloxería, ata que  polos anos 50 o Ministerio de Educación creou o diploma correspondente, dándolle validez técnica a eses ensinos. O fundador de Xoiería Carreira realizou os cursos que se impartían en Madrid e obtivo o título, que lle permitiu á óptica adquirir unha grande relevancia no seu negocio e en toda a zona. Nese momento acomete unha reforma do local ao que incorpora maquinaria de última tecnoloxía para o despacho de receitas dos oftalmólogos e para a adaptación e reparación de gafas graduadas e de sol.

 

Ambas actividades, xoiería e óptica, compartiron local durante 63 anos ata 1995. Nese momento a familia Carreira abre unhas novas instalacións na mesma rúa Reinante, pero

neste caso no nº 15, dedicado en exclusiva á graduación da vista e ao despacho de gafas graduadas e de sol, lentes de contacto, aparatos ópticos, audiófonos, etc. É Lucía Carreira Alonso, diplomada en Óptica e Optometría e neta do fundador da Xoiería Carreira, a que dirixe con éxito o negocio. 

 

Xa no ano 2004 a xoiería cambia tamén de ubicación por mor da obras de derrube do inmoble onde estaba instalada desde o seu inicio. Segue na rúa Reinante, pero no nº 4. Serán 81 os anos que cumpra en novembro este tradicional establecemento comercial en Ribadeo, “que ademais dunha mostra de orgullo é ao mesmo tempo o agradecemento á nosa fiel clientela desta comarca asturgalaica, que sempre foi para nós un estímulo e un compromiso coa atención personalizada, o bo facer profesional e o traballo ben feito”,

 

indica Jesús Carreira Braña, xa xubilado. É a súa dona, Mª Concepción Alonso, á que segue á fronte da xoiería, mentres que a súa filla dirixe a óptica. 

 

 

O local da xoiería foi cambiando, tal e como se pode apreciar nas imaxes que aquí lles amosamos. “O primitivo era precioso, contaba cunha vitrina acristalada que chamaba

a atención. Serviu de mostra para outros locais montados posteriormente. Era dos máis bonitos que te podías atopar desde Oviedo ata A Coruña”, subliña Jesús Carreira.  

 

 

O 3 de decembro de 2011, no acto de celebración da festividade de San Eloy, patrón dos xoieiros, que tivo lugar no hotel María Pita da Coruña, Jesús Carreira Braña recibiu o trofeo segueta de prata por toda unha vida dedicada á súa profesión. Fixéronlle entrega do mesmo Óscar Rodríguez, presidente do Colexio de Xoieiros, e Senén Rodríguez, membro da xunta directiva.

 

Xoiería Carreira continúa en Ribadeo coa venda de xoias e reloxos das máis variadas marcas, así coma as últimas novidades en prata e aceiro. A súa clientela valora a súa proximidade, a súa forma de traballar e o seu trato. Este establecemento forma parte da historia do comercio tradicional e familiar dunha vila que conta cun sector que é un referente en toda a zona.

 

 

 

 

18 feb 2013

Mercería "Las Plateras", unha saga de comerciantes

Mercería Las Plateras, coñecida en Carballo e  comarca como a Sra. Pila das Plateiras

 

Centro Comercial Aberto Carballo, destacado pola variedade e excelente surtido do seu comercio

 


 

 


 

 

 

Carballo é a capital do concello do mesmo nome poboado na actualidade por algo máis de 31.000 habitantes. Está situado nun cruce de camiños que dá acceso á Costa da Morte, desde o norte, e tamén é a capital da comarca de Bergantiños.

 

Os 2º, 4º e 5º domingos de cada mes celébranse feiras tradicionais, con gran peso na economía local, e neses días o comercio abre as súas portas. Nestas feiras, xunto cos mercados de todos os xoves, os propios colleiteiros poñen a disposición do consumidor final todo tipo de produtos do campo co que elo significa de sabor e calidade. Isto, que noutras latitudes se podería considerar un luxo, en Carballo é un hábito atraendo con elo, xunto coa calidade do seu comercio, clientes de toda a contorna.

 

 

  •  Protexemos ao comercio local

 

Historicamente Carballo destaca pola cantidade, variedade e excelente surtido do seu comercio.

 

Sempre foi así e así segue sendo aportando á nosa poboación luz, seguridade, vistosidade, humanidade e riqueza.

 

Sen embargo a aparición e instalación masiva doutros formatos comerciais en cidades próximas alterou o equilibrio entre os distintos tipos de distribución comercial resultando perxudicado o comercio pequeno, o noso comercio de proximidade.

 

No caso de Carballo a fin de unir sinérxias e dispoñer de novas armas para competir, no año 2002, creouse o Centro Comercial Aberto. Esta es unha asociación, sen ánimo de lucro, que agrupa a algo máis dun centenar de comerciantes e empresas de servizos asentadas na localidade.

 

Con gran esforzo, e enormes dosis de ilusión, o CCA Carballo foise consolidando como aglutinador e defensor dos intereses do comercio local, centrando o seu traballo na formación, información, promoción e fidelización, contando para elo co apoio do concello de Carballo e da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.

 

 

  • Ofrecemos diversidade

 

Os nosos asociados pertencen a todos os sectores comerciais: textil, calzado, deporte, xoiería, regalo, textil para o fogar, puericultura, xoguetería, electrodomésticos, moblería, informática, óptica, perruquería, xestoría, papelería, panadería, carnicería, …. de tal modo que como colectivo ofrecemos un surtido completo tanto para o equipamiento persoal como do fogar.

 

 

  • Dinamización comercial

 

Como asociación de comercio e servizos, o CCA Carballo intenta potenciar o consumo da poboación no comercio de proximidade. Para elo diríxese aos diferentes espectros de público existentes, en primeiro lugar para diferenciar ao CCA de calquera centro comercial pechado, e en segundo lugar para incentivar a compra nos establecementos asociados utilizando a mensaxe e a imaxe.

 

As campañas foron:

 


·         Campaña de nadal

·         Campaña de verán

·         Anunico S.Xoán

·         Campaña volta ó cole

·         Campaña día do pai

·         Casting

·         Campaña día da nai

·         Desfile de moda

·         Feiras de Oportunidades

·         Revista-guía CCA

 


  • Calidade e medio ambiente

 

En relación ao respecto ao medio ambiente desde a propia asociación colaboramos na sensibilización coa reciclaxe, o aforro enerxético e todo o que represente unha mellora para o medio.

 

Páxina web: www.ccacarballo.com

 

 


Mercería Las Plateras, coñecida en Carballo e  comarca como a Sra. Pila das Plateiras

 

 

 

Falamos con Pilar Ferreiro Santos quen ten na actualidade 87 anos e leva 72 deles tras o mostrador, desde o ano 1940. 

 

 

Sra.Pila das Plateiras

 

Aclara “polo meu nome e apelidos ninguén se decatará quen son, todo Carballo e comarca me coñece como a Sra. Pila das Plateiras”.

 

Esta muller aos seus 87 anos ten unha axilidade física e unha claridade mental impresionantes o que fai dela unha enciclopedia viva.

 

¿Con 16 anos xa tivo  o seu primeiro contacto co comercio?

 

Non sei cando tiven o primeiro contacto co comercio, seguramente antes de nacer. Hai que ter en conta que meus pais ían ás feiras xa de solteiros. Meu pai era lucense e vendía artigos de xoiería nas feiras. Miña nai era de Vimianzo e confeccionaba puntillas de Camariñas que despois vendía tamén nas feiras. Eles coñecéronse na feira, na feira se namoraron e acabaron formando unha familia que inicialmente se asentou en Vimianzo pero ao pouco xa se transladaron a vivir a Carballo. 

 

Dna.María Santos (nai da Sra.Pila)

 

 

No 1940, cando eu tiña 16 anos, fíxémonos “sedentarios” e abrimos un comercio na rúa Hórreo carballesa. Naquel momento esa rúa nin sequera estaba aberta na súa totalidade e dende a tasca a Pedra cara a Praza de Galicia, que era o que se lle podía chamar rúa, non estaba pavimentada. Era un camiño de pedra con lama cando chovía moito.

 

 

 

 

Ao fin, ao establecerse, ¿optaron pola mercería que era a actividade de súa nai?

 

Non exclusivamente. 

 

O comercio que abrimos estaba situado no solar que ocupa o edificio que albergou ata hai ben pouco ao Banco Simeón e tiña a un lado a mercería de miña nai e ao outro a xoiería de meu pai.

 

Sra.Pila coas tres fillas

 

Anos adiante todos os membros da familia nos dedicamos a actividades comerciais. Meu irmán José foi xoieiro, Amparo confección, Marieta calzado e eu mercería e xéneros de punto. Na actualidade a miñas fillas Amparo e María seguen con mercería, punto, baño, … e Pila con moblería. 

 

 

 

¿Continuarán os netos esta saga de comerciantes?.

 

Non sei, … non parece probable. Isto cambiou moito. Ben, ao mellor Noni segue coa moblería, ese talvez .... podería ser.

 

 

¿Que recorda de aquel comercio da década dos 40?.

 

Tanto, tanto, ... tanto traballo. En aquela época había pouco comercio en Carballo. Existía pouca oferta e a demanda era moita. Abriamos ás 9:30 h. da mañá e case non se cerraba para comer. E se cerrabamos raro era o día en que algún cliente non chamaba á porta para que lle despacharamos algo. Os xoves xa non se cerraba, facíase o que agora se chama xornada continuada e as feiras dos domingos tamén duraban todo o día. Tiñamos xa unha mercería especializada e naqueles anos confeccionábase case todo. Agora non parece crible porque case non se fai nada á medida pero daquela había xastres e modistas en abundancia.

 

Outro renglón do negocio, que tivo moita importancia durante anos, era “collerlle os puntos ás medias”. Con 16 anos despracéime á Coruña para aprender a fondo esta técnica e foi en Vila onde me ensinaron. Cheguei a experta niso e collín moitos, moitos, moitisimos puntos das medias nos anos sucesivos.

 

Neses anos as feiras eran multitudinarias e ao longo da semana os representantes de distintas fábricas e almacéns visitábannos para repoñer mercancía.

 

Fíxate se cambiou todo (sonrie) que eu recordo aos fundadores de Zara (Amancio e Antonio Ortega) a ser mozo de almacén e representante de comercio.

 

 

¿Qué opina de  representar a Carballo “na semana do teu comercio”?.

 

Non sei describir con exactitude o que sinto. Emoción, alegria, excitación… e responsabilidade.

Honradamente creo que é totalmete xusto e merecido que aos comerciantes con tantos anos de dedicación, como algúns dos que se están homenaxeando ao longo de toda Galicia, se lles mostre un recoñecemento.

 

Recoñecemento entregado pola Federación de Comercio

 

Sinto ata un pouco de nostalxia tamén . Un dos homenaxeados na “semana do teu comercio” foi Xoiería Amor a quen recordo da miña primeira infancia porque xa era proveedor do meu pai. 

 

En fin se contamos que xa meus pais exercían o comercio desde mozos talvez sexamos a familia con máis anos continuados dedicados á actividade comercial da localidade pero en Carballo somos varias as familias con moitas décadas neste oficio. Aí nótase que Carballo é de vello unha vila con tradición comercial.

 

 

¿Que ve mirando ao futuro?.

 

Todo cambiou tanto!!. Gustaríame ser optimista pero non podo. Eu vexo un futuro pouco claro para os pequenos comerciantes.

 

 

¿Que se podería facer para mellorar e fortalecer ao comercio?.

 

Creo que como primeiro paso está procurar o equilibrio entre todos os formatos comerciais. Ata o momento parece que as administracións están do lado dos grandes. E penso que se equivocan por completo, preocúpame que cando queiran rectificar xa sexa tarde para unha boa parte do comercio tradicional.

 

 

 

Tamén importan moito os servizos do entorno: aparcamentos, limpeza, seguridade, ... a unión dos comerciantes, e sen dúbida a boa atención e o adecuado surtido de cada comercio en concreto.