24 jun 2013

Paquetería Josefina, despois de medio século continúa coa mesma actividade

Paquetería Josefina coa segunda xeración


Asociación Boirense de Empresarios - Boiro Aberto, C.C.U.


A Asociación Boirense de Empresarios nace no ano 1988 froito do traballo e compromiso dun nutrido grupo de empresarios que entendían necesario a creación dunha entidade que os aglutinara defendendo e promocionando os seus intereses.



En poucos anos a asociación creceu ata converterse nunha das entidades mais representativas do concello aglutinando na actualidade a preto de 250 socios e cumpríndose este ano o 25 aniversario da súa fundación.




Ante a crecente puxanza do sector comercial, en 2004 elaborase un estudo para analizar a viabilidade da implantación dun centro comercial aberto que finalmente inicia a súa actividade en 2005 co apoio da Xunta de Galicia e o Concello de Boiro integrándose o mesmo na asociación de empresarios.

A Asociación conta cunhas amplas oficinas dotadas de dúas aulas de formación homologadas, un salón de actos con capacidade para 90 persoas, sala de xuntas e zoa de administración con tres postos de traballo.

As oficinas tamén funcionan como centro de formación e negocios que está a disposición dos socios para que poidan celebrar actos, presentacións, xuntanzas ou calquera outro evento que necesiten en relación coa súa actividade empresarial.


Campaña millonario por un día
Na actualidade Boiro Aberto Centro Comercial Urbano teñe ao redor de 111 comercios asociados (Datos Rexistro Galego do Comercio) e desenvolve ao largo do ano numerosas actividades de fidelización e dinamización comercial.

Campaña noite aberta
Dende 2005 Boiro Aberto puxo en marcha numerosas iniciativas para promocionar e fomentar o comercio de proximidade da localidade como o reparto de tikets de aparcamento de xeito gratuíto aos clientes que realizan súas compras nos establecementos asociados, servizo de información sobre ofertas vía SMS e mail, boletín dixital de ofertas e eventos ou mesmo a organización da Noite Aberta ou de Boiroferta que este ano celebraremos a 8ª edición.

Campañas Varias
No tocante as campañas comerciais Boiro Aberto desenvolve de xeito constante promocións con motivo de datas sinaladas como dia do pai, da nai, namorados, primaveira, verán, volta ao cole ou Nadal coa finalidade de promover as vendas no comercio local, premiar a fidelidade dos nosos clientes e tentar a atraer a outros novos da nosa zona de influencia.



Carlos Rodríguez Muñiz (Presidente)



Presidente: Carlos Rodríguez Muñiz

Xerente: Tomás Estévez Rionegro


Páxina web: www.boiroaberto.com


www.facebook.com/boiroaberto

www.youtube.com/boiroaberto




Paquetería Josefina, despois de medio século continúa coa mesma actividade

Propietarios actuais: Os irmáns Juán e Beatriz Cabrera.


Hai xa 57 anos que Dona Josefina Araujo decidiu abrir, no que entón era o seu taller de costura na rúa principal de Boiro, unha paquetería. Corría o ano 1956 e con moito esforzo e sacrificio conseguiu consolidar o negocio que agora mais de medio século despois continua súa actividade coa segunda xeración da familia a través dos fillos, Juán e Beatriz.


A especialización, o trato personalizado cos clientes e contar cun amplo stock son as claves do éxito do negocio. Como exemplo deste bo facer cabe destacar que nos anos 60, a propietaria, tiña un familiar en Nova York que surtía a tenda de medias de seda e camisóns de encaixe. Este tipo de produtos non se atopaban con facilidade no mercado nacional e non estaban ao alcance do poder adquisitivo da maioría dos veciños o que facía difícil a súa venda, pero grazas ao empeño de Josefina acabou por atopar compradores para eles xa que por aquela época en Boiro veraneaban unha primas do rei e na tenda habilitou un pequeno reservado para que puideran probar os produtos ata conseguir que foran clientas habituais e dar saída a este tipo de produtos.


Actualmente, e cos fillos ao cargo do negocio, mantense a máxima da empresa que é ter de todo e para todos, traballan dende un botón a un edredón. No tocante ao stock a paquetería conta con mais de 800 tipos de lazos diferentes, 500 colores dispoñibles nos fíos de coser e mais de 1.000 clases de botóns.



O máis importante non é a localización do local, senón a filosofía de atención ao público. O que priman son as necesidades do cliente. Contan con produtos con pouca demanda porque hai xente que os precisa, neste sentido cando un cliente demanda un produto que un determinado fabricante deixou de producir automaticamente buscan outro de similares características para que o cliente que o leva comprando durante toda a vida o poda seguir tendo a súa disposición.



Con esta filosofía de traballo o establecemento, que xa ten mais de 50 anos de traxectoria ,conta con numerosos clientes fieis que en moitos casos son os fillos e netos dos primeiros clientes aos que atendeu Josefina nos inicios do negocio nos anos 50.




17 jun 2013

Alimentación Alonso, iniciou a súa actividade a finais do século XIX

Alimentación Alonso, fundada en 1890


Centro Comercial Aberto de Tui - ACITUI


A Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui foi constituída en 1996 froito da vontade dun grupo de comerciantes que se propoñen xuntar esforzos para facer fronte ás ameazas do entorno e mellorar a súa posición competitiva. No ano 2000 experimenta un importante impulso, sobre  pasando xa, por aquel entón, o centenar de asociados, aínda que na actualidade a crise económica ten incidido moi negativamente no número de establecementos comerciais activos na localidade e polo tanto tamén no número de asociados, situándose en torno a 100 .


Dende eses primeiros anos, a Asociación comeza a gañar presenza na sociedade a medida que vai reforzando e consolidando a súa relación con outros axentes sociais, e afianzándose como un interlocutor válido ante as institucións públicas e privadas.


A posta en marcha do Proxecto de CCA ten suposto un fito determinante na traxectoria da Asociación que está a acadar unha alta valorización social e experimentando un extraordinario proceso de aproximación á cidadanía. Dende que en outubro de 2002 se fixera público o estudo promovido pola Xunta de Galicia denominado “DETERMINACIÓN DO POTENCIAL DE DESENVOLVEMENTO DE CENTROS COMERCIAIS URBANOS EN VARIOS MUNICIPIOS DA COMUNIDADE ATÓNOMA DE GALICA: TUI”, enmarcado no “Plan Cuadrienal de Modernización do Sector Comercial Retallista de Galicia” a Asociación de Comerciantes e Industriais de Tui (Acitui) ven traballando intensamente en prol da consolidación do Centro Comercial Aberto na cidade de Tui.


Avalados polas conclusións que aportaba o citado estudio no que se consideraba que Tui reúne condicións adecuadas para que o comercio fose xestionado baixo a fórmula dun Centro Comercial Aberto, no ano 2003 púxose en marcha a primeira fase do proxecto (Fase I: Deseño, execución e implantación dun programa de Dinamización Comercial en Tui.), que foi presentado e apoiado pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio, a Administración Local e por outras entidades privadas locais e comarcais.


O ano 2004 foi, para o proxecto do Centro Comercial Aberto de Tui, un ano especialmente decisivo, o éxito das accións de animación e promoción executadas pola Asociación, contribuíron decididamente ao mesmo. Pero, ademais, as accións de adecuación urbanística dalgunhas zonas que inicialmente conformaron o CCA Tui (C/ Foxo, Rosa Bahamonde e as súas travesías) impulsado e apoiado pola Asociación e executado pola Administración local reafirma a filosofía deste proxecto de dinamización comercial.


En  2005 supuxo a posta en marcha da Terceira Fase do Centro Comercial Aberto de Tui. O Plan de actuación, denominaba a esta 3ª Fase de potenciación e expansión. O Plan de actuación deseñado para por en marcha en 2005 comprendía un conxunto de accións cuxo obxectivo era a potenciación do conxunto comercial a través de accións de mellora e promoción do conxunto e, doutra banda, un conxunto de accións cuxo obxectivo era a expansión da área do Centro Comercial Aberto a novas zonas comerciais do núcleo urbano cunha densidade e actividade comercial suficiente e crecente ata acadar a identificación do Centro Comercial Aberto cá área urbana da cidade de Tui.


Jorge A.Álvarez Bautista (Presidente CCA)

Dende o exercizo 2006 os respectivos Plans de actuación deseñados buscan a consolidación da área comercial e a  continuidade as accións de promoción e animación. A animación comercial tense convertido nun elemento distintivo e diferenciador do CCA Tui, especialmente na época estival xa que resulta a máis indicada para a realización de actividades na rúa.


Ante os novos retos de futuro que a cidade esta a ter que afrontar como é o establecemento dunha gran superficie Outlet no seu entorno, o CCA Tui debe reorientar a súa estratexia competitiva e por en valor aqueles aspectos máis intimamente inculados ao comercio tradicional e os valores comerciais da cidade. Por outra banda, a política urbanística desenvolvida ten xerado unha enorme dispersión comercial o que dificulta a percepción de oferta conxunta. Nunha cidade que non é quen de consolidar a súa estrutura comercial so en base a demanda local senón que precisa xerar elementos de atracción para garantir a viabilidade comercial entendida tanto dende o seu conxunto como dende o punto de vista das unidades comerciais individuais que a compoñen.


Páxina web: www.comerciodetui.es



Alimentación Alonso, iniciou a súa actividade a finais do século XIX


“Alimentación Alonso” iniciou a súa actividade a finais do século XIX, en 1890, sendo fundada por Dona Emilia García Domínguez. Está situada na antiga Praza da Verdura, a carón da Porta da Pía, entrada principal á Zona Monumental de Tui. De aí que a súa denominación inicial fora “A tenda de Emilia da Praza”.

Comezou como tenda de ultramarinos, debido a que nesa época era o que demandaba a sociedade tudense. Tamén era característico pola venda de viño. A xente viña das aldeas a cómpralo debido a súa merecida fama.



Na adega da tenda había una tasca chamada “Casino Obrero”, no que requiríase estar previamente inscrito para entrar. Chamábase así xa que alí ían os traballadores a tomar una “póliza”, que era unha cunca con medio cuartillo de viño. Para acompañar ao viño, acostumábase a pór unha tapa de bacallau groso ou de arenque. Existía un libro no que os clientes podían escribir algunha nota ou chiste.

No ano 1936, co inicio da Guerra Civil, o “Casino Obrero” veuse obrigado a pechar.

Anteriormente, no ano 1913, tíñase ampliado a actividade da tenda, abrindo dentro do establecemento un estanco de tabaco que aínda perdura na actualidade.

Coa Señora Emilia traballaba o seu fillo, Jesús Iglesias García. Á súa morte, nos anos 60, sucédelle a súa irmá María García Domínguez, que xa era titular do estanco. A acompañaban na atención do establecemento os seus fillos Pepe e Manolo Alonso García. Nesa época a tenda era coñecida como a de “Pepe de Emilia”.

Falecidos tanto a señora María como os seus fillos Pepe e Manolo, fíxose cargo da tenda o outro irmán, Esteban Alonso García, sendo o titular actual, que rexenta o negocio axudado polos seus sobriños Lucía Campos Alonso e Ricardo Alonso, que son a cuarta xeración da tenda.


Na actualidade segue tendo o seu prestixio acadado ó longo dos anos grazas á formalidade da familia, á calidade dos produtos (especialmente o seu coñecido bacallau) e pola súa situación estratéxica que o converten, sen ningunha dúbida, un dos establecementos máis coñecidos e emblemáticos da cidade de Tui.

7 jun 2013

La esmeralda, 77 anos adaptándose aos tempos


Asociación de Empresarios de A Guarda, ACIGU Centro Comercial Aberto



A Asociación de Empresarios de A Guarda, ACIGU Centro Comercial Aberto creouse en 1990 da man dun grupo de empresarios guardeses que creeron no asociacionismo como medio de xuntar esforzos, nunha aposta polo futuro do comercio, a industria e a hostalaría local, ademais da propia promoción turística do Concello da Guarda, defendendo os seus intereses e o das xeracións vindeiras.

 

 A día de hoxe ACIGU C.C.A conta cunhas instalacións propias, como é o caso da súa Sede Social, sita en pleno casco histórico e no corazón comercial da localidade. Dende esta situación privilexiada aténdese as necesidades do público en xeral e en especial aos comerciantes e resto de empresarios da vila da Guarda, contando para iso con máis de 200 m² de despachos, sala de xuntas e unha aula de formación para a impartición de cursos, seminarios e talleres, que tamén é utilizada para outros eventos como visitas institucionais, presentacións de campañas aos asociados, reunións da asociación, asembleas...


ACIGU C.C.A sempre destacou pola busca de novas iniciativas e propostas á hora de elaborar os seus servizos, campañas de dinamización e promoción comercial, tendo sempre moi en conta os intereses dos propios establecementos adheridos a ACIGU C.C.A, xa que son os asociados e o persoal destes os que fan que as campañas sexan efectivas. Sen a participación do comercio e a implicación dos comerciantes non tería sentido realizar estas actividades. Son eles, ás veces influenciados polos seus propios clientes, os que nos pregunta se este ano se vai realizar esta campaña ou outra, e márcannos as liñas de actuación da propia dinamización comercial da nosa área de influencia.

Por iso no ano 2010 o Secretario Geral de Turismo y Comercio Interior del Ministerio de Industria Turismo y Comercio, D. Joan Mesquida Ferrando otorgou a ACIGU C.C.A un Accésit ao Premio Nacional a Centros Comerciales Abiertos.

 

Dende ACIGU C.C.A pretendemos que o comerciante sempre estea formado e informado, non só nas actividades que dende a Asociación realizamos, senón tamén  axudándoos a realizar trámites coas diferentes administracións. Intentamos, dentro das nosas limitacións, asesorar as persoas que acoden a nós ofrecendo alternativas. 

 

Por iso sempre estivemos integrados en institucións do prestixio da Federación Galega de Comercio, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Federación de Empresarios e Comerciantes do Baixo Miño e Provincia de Pontevedra (FEBAM Pontevedra), a Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA),a Asociación de Mulleres Profesionais Autónomas de Galicia (AMPAGA).

 

Todas as actividades desenvolvidas por ACIGU Centro Comercial Aberto son postas en comunicación directa aos nosos asociados a través de presentacións, charlas coloquios, circulares, pero tamén utilizamos outras ferramentas máis áxiles e que poden chegar a cubrir maior radio de acción e con maior rapidez como poden ser os medios de comunicación (Prensa, TV, medios dixitais www.infominho.com, www.galiciasuroeste.info...) e as propias ferramentas que nos proporciona Internet (Facebook, páxina propia de Internet www.acigu.com, e o noso propio correo acigucca@gmail.com).

 

Presidenta: Dña Carmen María García Braga
            Xerente: D. Jose Manuel Aldea Dorado
        Páxina web do CCA: www.acigu.com
 


La esmeralda, 77 anos adaptándose aos tempos  



A Actividade iniciouse polo ano 1936. En 1957 Dña. Felisa Fernández Rodríguez quedou co traspaso da tenda e no ano 2002 foi a súa filla Beatriz Franco Fernández, que é a actual titular do negocio, a que quixo seguir co negocio realizando un relevo xeracional na actividade da empresa.  

 

Esta tenda de roupa e complementos sempre estivo situada no mesmo lugar dende a súa creación, realizándose modificacións e renovacións continuas na tenda, situándose en pleno corazón do Centro Comercial Aberto da Guarda, na rúa Joaquín Alonso Nº 2.

A actividade inicial da tenda foi como mercería e roupa infantil, pero as demandas dos seus clientes fixeron que tivese que realizar diferentes adaptacións tanto de produtos como do perfil da clientela ao que ía dirixido o negocio, pasando por traxes de noiva, comunión e na actualidade roupa para muller.

  

A que característica que define como especial a esta tenda, para que durante todo este tempo seguise a súa atividade, foi a diferenciación dos seus produtos e, sobre todo, o bo trato recibido pola súa clientela que foi fiel a esta tenda durante moitos anos, sendo xa tres, mesmo nalgún caso excepcional catro xeracións de familiares de clientes que se visten nesta tenda.