28 oct 2013

"Casa Juanito" e "Ultamarinos Aceitero", comenzan a súa andaina no ano 1910

Asociación de Empresarios Terra de Melide 
Asetem Centro Comercial Aberto




Logo CCA

A Asociación de Empresarios Terra de Melide (Asetem) nace a o 30 de outubro de 1.989 para recoller as inquedanzas dunha parte do empresariado da comarca. Nesa data asínase a acta de constitución da entidade sendo presidente José Quintas Saavedra. Miguel Pampín Rúa desempeñou o cargo de secretario, Victorino Barrio López o de tesoureiro e Plácido González Gutiérrez o de contador. Como  vogais desa primeira xunta directiva figuraban Manuel Casal Mariño, Antonio Rodríguez Pampín, Carlos Taboada Santiso e Joaquín París Figueiras.


Unha vez constituída, a asociación axiña pasa a integrarse na Confederación de Empresarios da provincia da Coruña (CEC), comezando así un longo percorrido de constante apoio ao tecido económico local que dura xa máis de 23 anos e que chega ata día de hoxe.


Sonia Valiño Vázquez (Presidenta Cca)

O 21 de outubro de 2005 a asociación constituíuse como centro comercial aberto. Outro dos fitos da historia recente de Asetem-Cca produciuse o 27 de maio de 2010, cando as dúas patronais existentes ata o momento na vila ratificaron a súa vontade de unirse. Os preto de 50 membros do antigo Centro Comercial Aberto Vila de Melide decidiron integrarse voluntariamente en Asetem-Cca, que pasou a sumar un total de 142 socios (información dada polo Cca) e converteuse no colectivo único de representación dos comerciantes e empresarios/as locais.


Pilar López López (Xerente Cca)

Recentemente, en coincidencia coa celebración en novembro de 2012 da Cea Anual de Confraternidade, Asetem-Cca acadou a simbólica cifra de 150 socios, o récord de membros dende a súa fundación.


O ámbito de actuación de Asetem-Cca abrangue a comarca da Terra de Melide, formada polos concellos de Melide, Toques, Santiso e Sobrado dos Monxes. 



Páxina web: www.asetem.com
Facebook: www.facebook.com/asetem.cca




Casa Juanito, catro xeracións á fronte do negocio


Escaparate de Casa Juanito

Casa Juanito comezou a súa andaina no ano 1910 por iniciativa de Juan Rodríguez Uriña, bisavó dos actuais xerentes. Cento tres anos de historia e catro xeracións á fronte dun comercio familiar e tradicional que segue a conservar a súa localización orixinal, na rúa Mateo Segade Bugueiro, e unha liña de negocio moi semellante á dos seus inicios.


Corrían os primeiros anos do século XX cando Juan Rodríguez Uriña casou e recibiu como dote un coche de cabalos. Foi o momento no que decidiu dar o salto ao mundo dos negocios e, ante a ausencia dos que logo se coñecerían como coches de liña, comezou a transportar xente dende Melide ata localidades próximas como Arzúa, Curtis e outras máis afastadas, como Sada. Ao mesmo tempo abriu un pequeno establecemento de ultramarinos no que botaba unha man súa muller e máis tarde os fillos mentres el continuaba realizando viaxes co coche de cabalos.


Interior do negocio

Casa Juanito despachaba nos seus inicios produtos alimenticios básicos e outros elementais para o día a día: azucre, aceite, xabón… tamén, como era propio de calquera ultrimarinos, aqueles chegados do outro lado o Atlántico, tal é o caso do café ou das especias.  Á marxe do comercio propiamente dito, a casa contaba na parte de atrás cunhas cuadras nas que aquelas persoas que se achegaban de Melide podían deixar os seus cabalos mentres mercaban ou realizaban outras xestións na vila. “Era unha especie de aparcadoiro dos de hoxe en día”, explica Juan José Rodríguez Mariño, neto do fundador de Casa Juanito, “os homes metían os cabalos na cuadra, sacábanlles as alforxas e deixábannolas na casa mentres ían facer as compras. Cando volvían, metían a mercancía nelas, acababan de mercar o que lles facía falta no noso comercio e collían os cabalos para volver para a casa”. Juan José Rodríguez recorda que seu avó mesmo mercaba herba para alimentar os cabalos mentres agardaban, algo que se deixou de facer trala Guerra Civil.

Interior do negocio

Tamén na parte de atrás do establecemento, Casa Juanito contaba cun espazo habilitado para que a xente procedente das aldeas puidese comer. Lonxe de ser un comedor ao uso, tratábase dun cuarto con mesas e cadeiras no que poder sentarse e picar algo: “algúns traían chourizo, touciño ou o que tivesen pola casa pero outros non traían nada e preferían mercarnos conservas a nós, que daquela eran unha novidade”. Malia contar con este servizo, Casa Juanito nunca foi unha casa de comidas. Ademais das mencionadas conservas, tan só servían pan e cuartillos de viño.


Juan José Rodríguez Mariño no interior do negocio

Nos tempos da posguerra moitos veciños e veciñas da vila e da comarca achegábanse ao establecemento para facerse cos produtos asignados nas súas cartillas de racionamento. Segundo explica Juan José Rodríguez, “este negocio non o tiñan todos os comercios, xa que había que reunir certos requisitos e ter un volume de mercancía suficiente”. Ao tempo que acudían polos produtos alimenticios, os clientes “aproveitaban para mercar outras cousas esenciais que necesitaban”, por iso Casa Juanito tamén foi paquetería e vendía todo tipo de roupa interior e tamén botóns, agullas, fío…


Juan José Rodríguez Mariño no interior do negocio

O negocio foise herdando de xeración en xeración por tradición ou, como di con ironía Juan José Rodríguez, “porque o burro aprende un camiño e vai sempre por el”. Nestes cento tres anos, Casa Juanito foi quen de conservar a súa esencia e, á marxe dos lóxicos cambios que impón o progreso e os novos hábitos de consumo, conserva a mesma liña de negocio. “Só cambiamos os estantes nos anos 50”, destaca Juan José, “meu pai fixo daquela algún arranxo, pero o demais segue todo igual”.
Interior do negocio
Tamén os produtos que venden, máis variados e enmarcados dentro da liña delicatessen: conservas de peixe e vexetais, legumes selectas, arroces especiais, embutidos de primeira calidade, xamóns ibéricos e unha gran variedade de viños e licores das primeiras marcas. Nos últimos anos Casa Juanito tamén se dedica á distribución de viños e cervexas, unha liña de negocio que complementa o ultramarinos.



Fachada de casa Juanito

Na actualidade Juan José Rodríguez Mariño, neto do fundador, segue a ser a alma mater de Casa Juanito e o rostro co que se identifica este comercio melidense de toda a vida, a pesar de que xa está xubilado e o peso da empresa recae sobre os seus fillos. Son máis de sesenta anos da súa vida dedicados a un  negocio familiar no que comezou con 16 anos, cando deixou de estudar. “Xa antes diso, no verán, me mandaban atender”, asegura, “e agora, con 77 anos, aínda boto unha man”. 




Ultramarinos Aceitero, tres xeracións á fronte do negocio


Escaparate actual de Ultramarinos Aceitero

A orixe de Ultramarinos Aceiteiro comezou a forxarse algúns anos antes da súa apertura como tenda especializada nos comestibles de ultramar. Corría o ano 1898 cando o bisavó de Antonio Rodríguez Pampín, o actual rexedor do negocio, lle arrendou a Joaquín Penas a hoxe en día coñecida como Casa Quinzán, un edificio da céntrica rúa do Convento, en Melide. O prezo fixado polo aluguer foi de 1.464 reais, ou o que é o mesmo, unha peseta diaria.


Naquela casa montou unha taberna e unha pousada na que tamén traballaban os seus fillos, José e Elisa Martínez Sobrado, avoa de Antonio. Ela habíase converter na alma mater do negocio e a taberna, na que tamén daban comidas, axiña pasou a ser coñecida como “Casa Elisa”. Xa por aquel entón comezaron a vender “algunhas cousas que facían falta naqueles tempos”, explica Antonio: viño, pan, aceite, sardiñas, carburo… Ao ser pousada, tamén daban durmida e incluso dispoñían de cortes para meter os animais e mantelos.


Interior do negocio (actualmente)

Á morte de seu pai, Elisa queda á fronte do negocio xunto cos seus fillos. Un deles marchou estudar empresariais á Coruña e da súa man comezaron a chegar novos produtos e servizos para aquela tenda-taberna-pousada que non deixaba de evolucionar. A modernización consistiu en incorporar ao negocio os abonos químicos, madeiras, un depósito de cervexa Estrella Galicia, que daquela se repartía en barrís, e outro de cemento, un material que naqueles tempos a penas se empregaba nas obras: “facíase todo a base de area, cal e pedra”, sinala Antonio Rodríguez. O cemento chegaba a Curtis en tren, procedente de Oviedo, a alí íano buscar para trasladalo ata o seu almacén. 


Precisamente unha das primeiras casas de cemento e paredes de formigón armado de Melide, xunto co coñecido edificio do Banco Pastor, foi a que comezou a construír Elisa Martínez na Avenida da Coruña. Corrían os primeiros anos da década dos 20. En 1924 decidiu deixar a pousada e o bar para quedarse só coa parte do negocio dedicada aos ultramarinos, xa instalada na nova casa que construíra.


En 1928 Ultramarinos Aceiteiro comeza unha nova etapa: Elisa enferma e o seu fillo Manuel Rodríguez, á volta do servizo militar, faise cargo da tenda. Tras casar con Presentación Pampín, ámbolos dous decidiron incorporar unha nova liña de negocio, a venda de roupa, que se mantivo ata o seguinte relevo xeracional, na década dos 70.


Antonio Rodríguez Pampín (propietario)

Foi entón cando o actual propietario, Antonio Rodríguez Pampín, e o seu irmán Javier colleron as rendas da tenda, un establecemento que non deixou de evolucionar no tempo pero que sempre se mantivo fiel no que á venda de ultramarinos se refire: “niso seguimos igual ca toda a vida”, declara Antonio, a pesar de que agora xa non despachan carburo, buxías para os candís, brochas para poñerlles aos zocos ou mechas para os chisqueiros. “Aumentamos a variedade de produtos que vendemos porque a demanda é maior, pero a filosofía segue sendo a mesma de sempre”, asegura, “fomos incorporando artigos segundo a xente foi demandando”. A día de hoxe, ademais dos comestibles, Ultramarinos Aceiteiro vende cereais e abonos. Tamén material de apicultura, sendo o único establecemento en Melide que dispón de produtos e artigos específicos para o aproveitamento das abellas.


Antonio Rodríguez Pampín no interior do negocio

Tras moitos anos detrás do mostrador de Ultramarinos Aceiteiro, Antonio Rodríguez explica que “a calidade e a confianza na persoa que vende” seguen a ser os principais activos dun negocio tradicional coma o seu e os aspectos máis valorados pola clientela: “aquí seguimos vendendo moito pemento para a matanza porque é da mesma clase e da mesma variedade ca hai 80 anos”, argumenta, “veñen exclusivamente por el, e o mesmo pasa co bacallau, porque saben que son bos produtos e que non lles van fallar”.


Vista do negocio actualmente

Manuel Rodríguez é consciente de que Ultramarinos Aceiteiro rematará a súa andaina o día que el decida pechar para sempre a porta do negocio, a mesma que noutros tempos estaba sempre aberta: “nacemos todos os irmáns na tenda e sendo pequenos turnabámonos para atender na hora de xantar porque a porta do negocio, dende as 9 da mañá ata que iamos para a cama, estaba sempre aberta”. Agora ve máis preto o día en que a teña que pechar e recoñece, non sen certa morriña e tristura, que os tempos mudaron: “antes as familias tiñan moitos fillos e algún quedaba na tenda, pero os nosos non van quedar; ao estudar e ter mellores oportunidades, escapan do negocio”.




21 oct 2013

Adega - Mantenza Casa Chao, a súa orixe remóntase ao ano 1860 pero non se funda ata o ano 1931

Centro Comercial Aberto Casco Histórico de Viveiro, constituído no ano 2003


O Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro é a agrupación voluntaria de comerciantes e profesionais que desempeñan a sua actividade dentro do Casco urbano de Viveiro. A asociación constitúese no ano 2003 có fin de promover o desenrolo e a revitalización das estructuras comerciais do municipio de Viveiro, e sobre todo do Casco Histórico, o entorno máis emblemático da vila. Ó ano da sua constitución xa pasou a ter a consideración de CCA. A Asociación nace a través da antiga Asociación de Comerciantes ACIAM, que foi a que solicitou o estudo para a implantación do CCA, xunto co apoio municipal, ahí foi onde se creou a organización xestora do proxecto.



Entre os seus obxetivos, está a dinamización comercial e a defensa dos intereses tanto dos propios comercios que a forman, como dos consumidores, ademais de agrupar e potenciar o comercio de Viveiro.




Na actualidade conta con 139 comercios asociados (información dada polo CCA) de distintos sectores, textil, calzado, complementos, alimentación, bazares, xogueterías, ferreterías, floristerías, xoierías, ópticas, beleza, librarías, así como distintos servizos e hostalería. 


Os comercios que integran a asociación están situados no Casco Histórico de Viveiro, intentando fomentar un lugar de ocio e servizos cómodo e confortable. A asociación realiza diversas actividades ó longo do ano en beneficio do comercio e do consumidor, como son promocións, sorteos, publicidade, xornadas divulgativas, formación, etc. Destacaremos a Campaña de Nadal, San Valentín, Entroido, Semana santa, Shooping day e Shopping Night, Dia do Pai e da Nai, campañas de rebaixas, animación de rua con música e teatro, etc.


Hoxe en día falamos de novos tempos e novas formas de adaptarse ás necesidades comerciais actuais, polo que dende a asociación se aposta por un comercio urbano e moderno, diverso e eficaz, pero sen perder o trato persoal, profesional e cercano que dá o comercio tradicional. Apostamos por un comercio capaz de prestar un servizo de calidade e capaz de innovar, cuio obxetivo principal é o de mellorar a calidade de vida do seus clientes. 


Jorge Pernas Varela (Presidente CCA)
Isabel Méndez Rivera (Xerente CCA)











Páxina web: www.viveirocentro.com



Facebook: www.facebook.com/pages/Centro-Comercial-Casco-Histórico-de-Viveiro




Adega - Mantenza Casa Chao


A súa orixe remóntase ao ano 1860, que xa era un bodegón, pero non foi ata o ano 1931 cando se fundou a actual Adega Casa Chao das mans de Antonio Chao Vázquez. El foi o que  herdou a tenda cando só tiña 12 anos, pero logo marchou a Cuba e non foi ata a súa volta, no ano 1931, cando lles mercou o traspaso do ultramarinos ós irmáns Antón e Xosé Pérez Abadín. No ano 1960 fina, e con só 20 anos faise cargo do negocio o seu fillo, e actual propietario, Francisco Chao Puentes, xunto ca súa nai e o seu irmán Antón. O seu irmán enfermou e a súa nai deixou o negocio, polo que dende fai xa anos son Francisco e a súa Muller Benigna axudados dos seus fillos Francisco e Angeles, os que rexentan Adega Casa Chao.


A Antonio Chao Vázquez, iniciador desta dinastía de comerciantes, sempre lle interesou a botellería. A él e á súa muller atribúenlle o mérito de por en marcha este negocio, e Francisco Chao continuou a súa actividade.


Gardan dos seus inicios o libro de visita de Inspección de Traballo dende 1934, ou a cartilla de racionamento. O líquido máis antigo que conservan é un viño de Xérez de 1730 e as botellas de máis soleira son francesas, de 1884, con precinto de chumbo, que debían pertencer ós antigos donos, cando era un bodegón.


Escaparate comercio

O negocio estivo ubicado inicialmente na rúa Margarita Pardo de Cela e logo dunha reforma déuselle entrada tamén pola Avenida de Galicia. Na planta baixa atópase o ultramarinos, especializado en conservas de peixe, queixos, chourizos, aceites, produtos de porco celta, marmelos e moitos produtos con denominación de orixe. A maiores da venda directa ó cliente, tamén abastecen de víveres a barcos de Celeiro dende fai moitos anos, concretamente dende o ano 1955.


Na parte superior do local está a bodega, onde se atopan auténticas xoias, botellas únicas no mundo, solicitadas por empresas líderes no mercado do viño como é por exemplo o grupo francés Louis Vuitton-Moët Hennessy. Na bodega figuran ata mil referencias distintas de coñac de reserva e botellas de case tódalas añadas de viños gran reserva dende 1928 ata hoxe. Teñen pezas exclusivas de gran valor.Coleccionistas de todo o mundo recorren a Adega Casa Chao en busca de auténticos tesouros. A día de hoxe venden moito a nivel nacional e dende fai uns oito anos tamén ó estranxeiro, porque ofrecen botellas únicas. Alemania, Italia, Holanda, Bélxica, Francia, Polonia, Xapón, Estados Unidos, Dubai...


Toda a mercancía está inventariada e a maior parte das botellas conservan o selo do imposto, co prezo orixinal, e ata a factura de compra, o que revaloriza aínda más o xénero.


O negocio foise adaptando ós tempos, vendendo pero sen deixar de mercar auténticas xoias para agrandar máis o seu patrimonio, o segredo tamén está en actualizarse, adaptarse ás novas tecnoloxías e ás tendencias. Un dos seus puntos fortes é o trato familiar e persoal que ofrecen ós seus clientes, algo que só podemos atopar no comercio tradicional. 


Familia Chao

14 oct 2013

Sombrerería Iglesias, fundada fai máis dun século

Sombrerería Iglesias, considerada como un establecemento de culto por todo o que representa para o sector e para a cidade de Santiago


Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais do Centro Comercial Aberto Compostela Monumental


Logo actual de Compostela Monumental


A Asociación de Comerciantes, Empresarios e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental foi fundada no casco histórico de Santiago de Compostela en abril de 1992. É unha entidade se ánimo de lucro que aglutina comerciantes e empresarios que están establecidos na zona histórica da capital de Galicia.



Logo de Compostela Monumental de 2001

Logo de Compostela Monumental de 1996

Dende a súa fundación ten como obxectivos prioritarios a dinamización comercial, urbanística, turística, cultural, ambiental, deportiva e social da zona vella de Santiago.


O seu Centro Comercial Aberto é un dos decanos en Galicia e España, así como referente a nivel internacional, e proba diso é a multitude de premios, galardóns e recoñecementos de todo tipo que recibiu polos numerosos proxectos desenvolvidos. É a asociación comercial española máis galardoada.



Entrega Premio Nacional Comercio,calendario 
conmemorativodel Ministerio de Industria

De feito, Compostela Monumental é a única entidade comercial galega que gañou o Premio Nacional de Comercio, máximo recoñecemento que pode recibir en España unha entidade comercial, concedida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio de España (ano 2006).



Entrega Premio Ecología de Galicia

En maio de 2007, os seus proxectos de sostibilidade e aforro enerxético, Lumicompostela e Compostela Monumental Sostenible, foron valorados co Premio Ecoloxía de Galicia 2007, concedido polo Grupo de Ecoloxía Científica e Medioambiente de Galicia (GECMA).

Foto premio European Awards Enterprise

Os recoñecementos non pararon nunca, e en setembro de 2007, o proxecto de Cooperación Empresarial de Compostela Monumental convértese en finalista dos European Enterprise Awards da Unión Europea.




Ese mesmo mes e ano os seus proxectos Localia e Lumicompostela convértense en finalistas do Premio Nacional de Interiorismo Comercial (Feira de Barcelona - Futurshop).


As campañas de publicidade e promoción comercial do seu CCA son famosas a nivel nacional e internacional e proba diso son os premios conseguidos:


  • Premio Nacional de Deseño Gráfico e Publicitario dos anos 2007, 2008 e 2009 (Premios Anuaria).
  • Premio Internacional Adlatina 2009 ao mellor anuncio publicitario.
  • Premio Internacional Ads Of The World do ano 2009.
  • Premio Internacional Ads Of The World do ano 2010.
  • Premio Internacional Best Ads do ano 2011.
  • Premio Internacional de Deseño Gráfico e Publicitario do ano 2012 (Premios Anuaria).

Premio Nacional Cooperación Comercial Ezkerraldena 2011


O labor levado a cabo a favor do asociacionismo comercial valeulle o Premio Nacional á Mellor Asociación de España do 2011, premio que outorga anualmente a Federación de Comercio Ezkerraldenda de Bizcaia.



Hai que destacar que Compostela Monumental é tamén a única asociación de comerciantes de España que logrou a Certificación SICTED, Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, anos 2008, 2009 e 2010, que concede o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio de España. Dende o ano 2011 as asociacións de comerciantes non puideron acceder a esta certificación, polo que Compostela Monumental é a única en España que conta con ela.

Jose Manuel Bello Rey (Presidente CCA
Compostela Monumental)

A nivel de cooperación e asociacionismo comercial Compostela Monumental é Vicepresidente da Confederación Española de Centros Históricos Comerciais. Durante os anos 2006 e 2007 ocupou a Vicepresidencia da Rede Galega de Centros Comerciais Abertos. Fundou en 2008 a Federación de Comercio de Santiago e Bisbarras, da que é Vicepresidente. É socia fundadora da Federación Galega de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas, ocupando nestes momentos a Secretaría Xeral.


Algúns proxectos desenvolvidos por Compostela Monumental:

  • Centro Comercial Aberto
    Coche del servicio de reparto a domicilio
  • Rede Aberta
  • Fidelicompostela
  • Lumicompostela
  • Localia
  • Central de Servicios
  • Compostela Monumental Innovación, RSE_Compostela Monumental
  • III Congreso Nacional de Cascos Históricos de España (2010)
  • Congresos Anuais de Comercio de Compostela Monumental (VII ediciones)
  • Servicio de reparto a domicilio
  • Mercadillo de Antiguedades
  • Xornadas de Patrimonio Histórico.

Páxina web: www.compostelamonumental.es/rse



Sombrerería Iglesias, fundada fai máis dun século


Logo Sombrerería Iglesias


Sombrerería Iglesias en 1912

Celestino Iglesias Regueiro e a súa muller Ramona Blanco Vázquez foron os fundadores, no ano 1912, da Sombreiraría Igrexas situada no número 34 da histórica Rúa do Vilar de Santiago de Compostela. Está considerado como un establecemento comercial de culto por todo o que representa para o sector e para a cidade de Santiago. Alí chegáronse a confeccionar todo tipo de sombreiros e gorras por encarga, dende os famosos barretes para a Igrexa do noso país, así como bombas de aire, chisteras, tellas (para curas), gorras de uniforme... etc. Acudían de todas as partes da nosa xeografía numerosos clientes en busca dun sombreiro de prestixio elaborado artesanalmente.


Andrés Fernández Iglesias, fillo de María Nieves e
neto do fundador da Sombrerería Iglesias

Dende a súa fundación, catro foron as xeracións de Igrexas que se encargaron de xestionar o negocio máis querido polos santiagueses en toda a súa historia, Ramón Ignacio Iglesias Blanco, María Nieves Iglesias Blanco e dende hai poucos anos o fillo maior desta, Andrés Fernández Iglesias, neto do fundador.


María Nieves Iglesias Blanco recibindo o
recoñecemento do Concello de Santiago

O 19 de abril do ano 2006 o Concello de Santiago de Compostela homenaxeou a María Nieves Iglesias Blanco e á Sombreiraría Igrexas pola lonxevidade e excelente traxectoria profesional. Foi no transcurso da III Edición da Gala do Comercio de Santiago de Compostela.


Ese mesmo ano, o 19 de outubro de 2006, os seus compañeiros de Compostela Monumental fixeron o propio na I edición da Cea Gala do Asociado do Centro Comercial Aberto.


Escaparate actual da Sombrerería Iglesias
En 1997, María Nieves Iglesias Blanco levou a cabo unha importante rehabilitación do seu local comercial. O Consorcio de Santiago supervisou a obra para que esta permitise á emblemática sombreiraría manter todo o seu esplendor e identidade de 1912 e pasar á lenda do comercio en España.

Viseiras de Sombrerería Iglesias

Actualmente a Sombreiraría Igrexas ten clientes de todas as partes do mundo e traballa coas mellores marcas de sombreiros e viseiras que hai no mercado. Os seus clientes proceden dos distintos puntos de España como do estranxeiro.


Sombreiros de Sombrerería Iglesias

Os seus produtos teñen un valor incalculable pero un dos que máis tirón ten é o tradicional Panamá, cuxo prezo rolda os 800 euros.





7 oct 2013

Mercería Lucita, foise adaptando ao longo dos tempos

Mercería Lucita, dende o ano 1895


Centro Comercial Aberto do Ribeiro



O CCA do Ribeiro iniciou a sua actividade como tal no ano 2012 sendo un dos CCA de recente creación, pero anteriormente a asociación viña existindo dende o ano 1987. dita asociación comezou ca unión de uns poucos negocios da vila para apoiarse mutuamente pero pronto se foron xuntando mais negocios e hosteleiros ata chegar a día de hoxe aos 116 negocios adheridos (información dada polo CCA). 


Directiva do CCA


O CCA inicou a súa actividade co obxetivo principal de poder ofrecer un valor engadido por unha banda os seus asociados e por outra os clientes.






Interior oficina CCA

Os asociados para poder así complementar os seus servicios, ofrecendo uns servicios de atención personalizada máis completos, formación a través de diferentes cursos ou xornadas para poder estar mais ó tanto das novedades actuais. Axudar a que poidan aumentar as súas vendas coa realización de campañas promocionais cada certo tempo para así fidelizar ó cliente e ter sempre un premio ós clientes que mercan na vila.


Sede CCA

O inicio de ser CCA quixemos facer unha diferenciación dos negocios asociados e dos que non o son colocando unhas placas identificativas do comercio asociado, para así dar unha imaxen homoxenea e de unión.



En tan so un ano de existencia do CCA do Ribeiro, consideramos que esta axuda é necesaria e moi ben acollida para poder aumentar as prestacións e poder fidelizar ó cliente que é un dos nosos maiores obxetivos xunto co de ter ós asociados contentos e que vexan que se fan actividades para o seu ben.



Mercería Lucita, foise adaptando ao longo dos tempos



Fachada Mercería

A día de hoxe o negocio é unha Mercería  e seu nome é MERCERIA LUCITA situada na rúa Progreso da vila de Ribadavia.


A actividade iniciouse antes de 1895 cando se creou un galpón onde traballaban, dedicado a un taller de latoería, fontanaría, canalóns etc..

No ano 1909 falece don Francisco Sánchez Sánchez, continuando a actividade a sua dona Juana Araujo Alonso, o seu fillo e dous empregados.


No ano 1910 tirouse o galpón e construíuse a casa actual, finalizando no ano 1913 e continuando coa mesma actividade.


No ano 1932 cambiou, ampliando a negocio, con ultramarinos e zapatillería.


Interior mercería

No ano 1948 falece dona Juana Araujo e continúa a sua filla dona Luz Sánchez Araujo, pasando a ser un bazar de xoguetes e zapatillas.


No ano 1957, cambiou a actividade exclusivamente de calzado, paquetería, lencería e mercería.


O falecer dona Luz Sanchez, continúa o negocio o seu fillo Manuel Castro Sánchez e continúa a sua esposa dona Olga Vázquez Perez, ata o día de hoxe.


Olga Vázquez Pérez e Manuel Castro Sánchez (Propietarios) 

A actividade foise adaptando ó longo do tempo, xa que a día de hoxe e un pequeno negocio pero moderno e actual, onde se pode encontrar todo tipo de produto relacionado con mercería.


Ofrece os clientes produtos de alta calidade, roupa e calzado de nenos de gran gusto e selección, amplia variedade de produtos e atención personalizada.