25 nov 2013

Óptica Martínez Pardo, inicia a súa actividad no ano1898

Centro Comercial Aberto Ferrol A Magdalena - ACOF


No ano 1987 constitúese en Ferrol unha asociación de comerciantes denominada “Area Comercial del barrio de La Magdalena”; coa finalidade da  “ promoción y relanzamiento comercial, social y económico del barrio de La Magdalena”. Posteriormente pasou a denominarse “Asociación de Comerciantes Ferroláns”.
Cristóbal García Nores

No ano 2002 modificáronse os Estatutos para transformarse no Centro Comercial Aberto Ferrol-A Madalena.  Na actualidade, o CCA conta con máis de 150 establecementos asociados.
O Presidente do CCA é Don Cristóbal García Nores, dende o ano 2009, sendo reelixido no presente ano.

O ámbito do CCA coincide co do Barrio da Madalena, quedando delimitado por diversos elementos de señalética. Tamén poden asociarse establecementos doutros barrios da cidade, sendo considerados socios colaboradores.





A partir da constitución do CCA  e unha vez feita a  señalización, tanto do ámbito xeográfico do CCA como dos establecementos comerciais leváronse a cabo numerosas campañas e actividades de dinamización:


  • Campaña de Nadal.
  • Día dos namorados.
  • Día do pai.
  • Día da nai.
  • Actividades infantís


Nestes últimos anos tamén levamos a cabo novas actividades, entre as que cabería destacar o “Mercadillo de Gangas” ; ese día os establecementos participantes sacan á rúa as súas “gangas”; 


Tamén levamos a cabo a Fashion Night /Noite da Moda, para a presentación das dúas tempadas da moda, primavera-verán e outono-inverno.

Ademais de tódalas actividades de dinamización, a creación do CCA supuxo unha maior prestación de servizos aos asociados e, por extensión aos clientes:

  • Envíos a domicilio
  • Regalo de horas de aparcamento
  • Tarxeta de fidelización







https://es-es.facebook.com/ccaferrolamagdalena




Óptica Matínez Pardo, inicia a súa actividade no ano 1898


Corría o ano 1898 cando José Martínez Pardo decide abrir un establecemento comercial en Ferrol.


Lonxe da súa imaxinación estaría que despois de cen anos un bisneto seu aínda mantivese aberto o devandito establecemento, por canto eran anos difíciles e inseguros, con grandes movementos sociais e a economía nacional era por demais deficiente.



Polos seus antecedentes familiares, un dos artigos que pon á venda foron as máquinas de coser, non en vano o seu pai fixera artesanalmente en 1868 a primeira daquelas máquinas que se fabricou en Galicia, pola que obtivo un premio rexional en 1875.


Ademais vendía reloxos de parede, de pé e de peto. E, por suposto, tamén vendía “lentes”, para ver mellor.


No ano 1920, un fillo seu incorpórase ao negocio e comparten xestión máis de 20 anos: era Santiago Martínez e Pardo de Andrade. O traballo compartido faise máis fluído e permítelles acceder a novos coñecementos, instrumentos e técnicas de graduación da vista, así como a maquinaria de tallado e montaxe.


Na óptica tamén as modas evolucionan e cambian, dende monóculos e impertinentes, a lentes de pinza e enxeños polo estilo.


Chegan as primeiras máquinas “automáticas” e xa se ven novas formas e materiais. O Nivel sobe e van desaparecendo os clásicos lentes redondos de carey.


En 1953 prodúcese outro fito tecnolóxico, ao presentar os primeiros audiófonos que se coñeceron en Ferrol; aínda que as súas medidas de 12x6cm asustaban inicialmente, moitos adoptáronos porque con eles gozaron de volver a oir.


Nos anos 50, despois de falecer xa José, o fundador, no mundo da óptica había preocupación polo futuro; multiplícanse as xestións ante as autoridades da época que finalmente dan orixe e regulan a profesión de óptica. Santiago accede á escola de óptica Daza de Valdés en Madrid e obtén en 1955 o seu “diploma de óptico de anteojería”. Para el foi un logro persoal, pero tamén profesional, do que sempre se sentiu moi orgulloso.


Non só mellora o nivel profesional, senón que a irrupción dos chamados “lentes ao aire”, marcan un salto considerable na calidade e a estética dos lentes.


No ano 1968 incorpórase a terceira xeración, se ben esta vez xa co título de óptica baixo o brazo. Era o seu fillo Juan José Martínez Sisto.


Manteñen ambos os dous unha xestión en plena colaboración ata o ano 1991 (en que falece Santiago), dende os tempos de vacas gorda pola que pasou o sector naval, do que Ferrol era un dos seus máximos expoñentes, ata a crise económica dos 80.


Durante ese período, Juan José integrárase en diversas tarefas e cargos, congresuales e colexiais en Galicia e en Madrid, grazas a ter ben cubertas as costas polo seu pai, que vía non sen preocupación aqueles labores e viaxe, polo tempo que lle absorbían, pero cunha íntima satisfacción polo labor da súa vásteza en pro da profesión.


Tras a morte do pai, Juan José empeza a planificar unha remodelación da súa óptica, pois se ben dende 1898 se realizan tres reformas, a situación do establecemento non era plenamente acorde coas necesidades nin gustos da época. E foi en ocasión do cumprimento do centenario (1998) e polo tanto situarse entre as doce ópticas en exercicio máis antigas de España dentro dunha mesma dinastía familiar, que procedeu a unha remodelación integral, tanto de estrutura coma de tecnoloxía, mobiliario e decoración.


Non era unha aposta arriscada, por canto dous dos seus fillos xa lle manifestaran a súa ilusión por incorporarse ao negocio familiar.


Con enorme satisfacción Juan José compartiu a celebración do centenario con moitos compañeiros, nunha reinauguración á que asistiron non só autoridades administrativas, empresariais e económicas, senón tamén do seu colexio profesional, todos os cales lle honraron coa súa asitencia, a el e aos seus antepasados, a cuxa memoria aquel dedicou o devandito acto, á par que iniciou cunha grande alegría e forza a segunda centuria, grazas á ilusión de ter dous dos seus fillos cursando estudos e adquirindo coñecementos para un correcto exercicio profesional.


En efecto, en 2002 incorpórase a súa filla, Beatriz Martínez Bermúdez, ostentando o diploma de óptico optometrista.


Por último, outro fillo, Rafael, fai o propio en 2006, achegando a nova titulación de técnico superior en audioprótese.


Ambos os dous comportan a cuarta xeración consecutiva en liña directa, achegando xuventude e novos coñecementos, no que se espera sexa un chanzo mais nesta longa traxectoria comercial da saga dos “Martínez Pardo” (apelidos do fundador), nome sempre respetado como símbolo de traxectoria, seriedade e compromiso coa sociedade, á que viñeron servindo xeración tras xeración, nestes 115 anos.


Páxina web: www.martinezpardo.es













18 nov 2013

Armería Romaní, comenza a súa actividade a principios do século XX

Armería Romaní, aberta entre os anos 1904 e 1905


Centro Comercial Abierto Noia Histórica




A Asociación de Comerciantes e Profesonais Noia Histórica constitúese en outubro de 2.012 da mán dun grupo de comprometidos empresarios da localidade que buscaban fórmulas de revitalización do comercio en Noia.  


A actividade comercial desta vila histórica foi expectacular durante séculos, chegando a ser unha das mellores prazas comerciais de Galicia. Nun intento por recuperar esta hexemonía que se iba perdendo xurde un proxecto no que se implican administracións, empresarios e institucións de toda a comarca.



Francisco Pérez e Belén Arróniz (Presidente e Xerente)

O primeiro ámbito xeográfico de actuación foi axustado aos límites do corazón do casco histórico a partir dos Malecóns e a rúa Escultor Ferreiro. O comercio, a hostalería e o sector servizos formaban parte do Centro Comercial Aberto con máis de 100 asociados.


Ao longo destes primeiros 8 anos de traballo a actividade da asociación centrouse na realización de proxectos incentivadores da demanda comercial do casco histórico e da súa posta en valor como entorno comercial e patrimonial.


Ata o ano 2.010 tres asociacións empresariais con distintos ámbitos de actuación conviviron en Noia. Co obxectivo de sumar esforzos, e multiplicar resultados, a comezos de 2.011 consolídase o proceso de fusión destas tres asociacións nunha única entidade, mantendo a razón social e a marca de Noia Histórica.


Un novo local cedido polo Concello de Noia nun edificio emblemático do casco vello, a ampliación do ámbito de actuación a todo o municipio e o incremento de asociados deron un novo impulso a actividade da asociación.


Na actualidade conta con 155 asociados dos cales 104 son establecementos comerciais pertencentes ao Centro Comercial Aberto Noia Histórica cun comité executivo propio (información dada polo CCA).


Entre os numerosos proxectos postos en marcha pola asociación queremos destacar tres: a creación no 2.010 da tarxeta de fidelización Noia plus e a tarxeta regalo asociada a ela, a organización no 2.012 dunha exitosa dunha ruta de tapas "Vai de Tapas Noia", e a realización das Visitas Guiadas a Noia como estratexia de promoción do sector turístico e comercial.



A marca comercial Noia Histórica conxuga tradición e modernidade, a través da imaxe do rosetón gótico de San Martín nun soporte de aceiro e metacrilato. A promoción desta marca singular ao longo de máis dunha década e o aproveitamento de sinerxias como o recoñecemento da forza do asociacionismo, o valor engadido de estar nun entorno histórico e patrimonial, a forza do sector comercial na vila e o recoñecemento dun traballo ben feito por parte das administracións fainos confiar nun futuro mellor para as nosas empresas.


Páxina web: www.noiahistorica.com

https://www.facebook.com/noia.historica?fref=ts



Armería Romaní, comenza a súa actividade a principios do século XX


Armería Romaní comezou a súa actividade a principios do século XX no mesmo lugar que na actualidade. Non hai datos exactos da súa apertura pero a familia pensa que foi no ano 1.904 ou 1.905.


Imaxe do ano 1915

Nos seus inicios foi unha ferraxaría, a primeira ferraxaría de Noia, na que se vendía todo tipo de produtos, bazar, enxoval, quincalla, vidros, ferramentas e pinturas en po. Pouco despois ampliouse o negocio vendendo pólvora e armas da época.


Severo González, natural de Noia, foí o fundador da empresa, bisavó do actual xerente, Rodrigo Romaní Prieto. Vivían ao lado do negocio polo que sempre estaban a disposición do cliente, non había horarios, a tenda sempre estaba aberta.


Asociada a esta tenda a familia tiña unha polvoreira na esquina da Praza do Cantón do que se subministraban, entre outras empresas, as minas de San Finx de Lousame.


Sempre foi unha empresa familiar polo que a transmisión do negocio foi de xeito natural ata o actual propietario, cuarta xeración, que leva 20 anos ao fronte do negocio.


Rodrigo Romaní

Na empresa traballan dúas persoas, Rodrigo Romaní e Rogelio Ruíz empregado dende fai anos.


A fabricación de roupas de augas para o campo, minaría e para o mar, dende os anos 50 ata os 80 distinguiu a Armería Romaní. O pai do actual xerente mecanizou o proceso de fabricación desta roupa introducindo maquinaria na década dos 60.



A clientela de Armería Romaní é fundamentalmente da comarca de Noia pero tamén doutros puntos de Galicia, xa que están especializados en coitelaría, caza e pesca. De feito contan cunha variedade de navallas difícil de atopar.



Rodrigo Romaní Prieto sabe que ten un negocio único entre as súas mans, xa que quedan moi poucas armerías antigas en España. A súa conserva gran parte do mobiliario orixinal coma o mostrador.


A empresa valora moito o traballo da Asociación Noia Histórica da que é socio dende a súa creación xa que, considera, é a mellor maneira de coordinar actividades para os comerciantes de Noia e impulsar a dinamización da vila.

Anécdota:


No ano 1.930, no andar superior da casa onde se atopa Armería Romaní, estivo situado o Liceo de Noia xa que ardeu o inmoble onde ubicábase antes.

O irmán da súa aboa foi socio fundador desta emblemática institución da vila. O propietario conserva numerosas cartillas de reserva de bailes da época.


11 nov 2013

Confitería Madarro, 122 anos elaborando produto de xeito totalmente artesanal

Confitería Madarro, inicia a súa actividade no ano 1891


Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Lugo

Centro Comercial Aberto Lugo Centrum



Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos do Centro Comercial Aberto de Lugo LUGO CENTRUM, nace no ano 2002 co obxectivo primordial de transformar a zona comercial urbana do centro de Lugo, caracterizada pola presenza de pequenos comercios tradicionais, nun moderno Centro Comercial Aberto acorde cos tempos actuais.

LUGO CENTRUM naceu co obxectivo de potenciar, promocionar e consolidar ao máximo o comercio que se desenvolve na cidade, para o cal se propuxo a renovación e modernización no posible destas fórmulas de comercio tradicional, co fin de que os pequenos establecementos comerciales alcancen o seu pleno desenvolvemento e resulten competitivos no complicado mercado actual.


Ó longo destes anos LUGO CENTRUM levou a cabo múltiples e variadas actuacións dirixidas en todo momento a promocionar e potenciar o pleno desenvolvemento e modernización dos comercios que integran a Asociación, contando en todo momento co indispensable apoio financeiro das institucións e poderes públicos.


As actuacións levadas a cabo pola Asociación LUGO CENTRUM durante estes anos inclúen variadas actuacións de desenvolvemento de sistemas de fidelización, elementos de sinalización, actividades de formación, ademáis doutras actuacións de dinamización comercial da Asociación e dos seus membros, tales como a elaboración e distribución de catálogos, trípticos e realización de campañas publicitarias nos distintos medios de comunicación.


José Sánchez Bergantiños (Presidente do CCA)


Así mesmo leváronse a cabo campañas de captación e fidelización de asociados,  xornadas e conferencias informativas e cursos de formación sobre temas de interés para os comerciantes.



Estas accións deron o seu froito, e LUGO CENTRUM converteuse na asociación representativa dos pequenos comerciantes do centro da cidade de Lugo, aumentando considerablemente o número de asociados á mesma.


Como pode apreciarse a iniciativa de LUGO CENTRUM, avanza con paso firme buscando sempre novas e orixinais fórmulas para lograr os obxectivos formulados dende a súa creación. Aínda quedan aínda moitas ideas por desenvolver, e outras tantas actuacións por levar a cabo, todas elas dirixidas á dinamización e revitalización do Centro Comercial Aberto de Lugo.


Páxina web: www.ccalugocentrum.com




Confitería Madarro, 122 anos elaborando produto de xeito totalmente artesanal


Fachada actual da Confitería Madarro


A Confitería Madarro, ubicada na céntrica e peatonal rúa da Raíña de Lugo, inicia a súa actividade no ano 1891 de mans de Alejo Madarro Villar.


En marzo de 1958 é adquirida por José Rodríguez Torres e Ricardo González Gallego, antiguos empregados da confitería. Posteriormente, Marcelino González González sustituiu ó seu tío Ricardo e na actualidade está a cargo de Montserrat González Ares e de José Ramón Rodríguez Vázquez e a súa filla Beatriz Rodríguez López. A actividade de confitería ten moita aceptación entre o público lucense, razón pola que deciden continuar coa mesma.


Mostrador da confitería Madarro

Confitería Madarro vaise adaptando ó longo do tempo ós gustos e preferencias dos consumidores e ó tipo de familia, antes máis numerosas que na actualidade. Incorpóranse novos produtos, como as froitas; pero a maior parte das súas vendas son de produtos de sempre; sendo especialmente coñecida polas cañas de crema, coroas de alméndoa, tellas e pastas de té; así como polo seu membrillo (agora de temporada).


Os seus propietarios destacan a demanda por parte do público, a constancia e o traballo, como os seus principais valores engandidos, ós que se suma unha gran calidade dun produto elaborado de xeito totalmente artesanal.


Vista interior da Confitería Madarro


Pola súa banda, amósanse satisfeitos da fidelidade dos seus clientes, que se transmite de xeración en xeración. E tamén confirman con satisfacción a continuidade dos seus empregados, que xa son unha parte máis deste negocio familiar e entrañable que forma parte da vida dos lucenses, xa que é tradicional acudir á cafetería ubicada no establecemento a tomar un café ou chocolate acompañado dun dos deliciosos produtos de confitería que elaboran.



Mural pintado no teito no ano 1904


Cómpre destacar que Confitería Madarro conserva as instalacións e estilo orixinal, perfectamente restauradas e moi valoradas polos clientes. Destaca un precioso mural pintado no teito no ano 1904 polo pintor italiano A. D’Almonte, e que foi restaurado no ano 1988.



4 nov 2013

A Moda Dabaixo, fundada no ano 1896

Centro Comercial Urbano Zona Monumental Pontevedra




O Centro Comercial Urbano Zona Monumental é unha área comercial aberta que discorre polas rúas e prazas do casco histórico de Pontevedra, considerado un dos máis valiosos do norte de España e Portugal,  a xulgar pola súa riqueza arquitectónica, amplitude de espazos e vitalidade.


Un grupo de comerciantes crean, no ano 1989, a Asociación Área Comercial Zona Monumental coa finalidade de impulsar cambios importantes na atención ao cliente e xestión do seus establecementos, entre os que incluían a dinamización das rúas, maila recuperación da vida social das prazas e rúas do casco histórico. O seu liderazgo, o seu programa de actividades culturais, o seu empeño construtivo e a súa capacidade de liderar melloras no sector comercial sentaron as bases dunha revitalización económico-comercial que devolveu ao casco histórico de Pontevedra o seu papel na historia: paso obrigado de rutas comerciais, como o camiño portugués, a Ruta Xacobea-Portuguesa cara a Santiago de Compostela e por desenvolver actividades gremiais que deron nome a prazas e rúas que aínda hoxe en día mateñen.


No ano 2003, grazas a axuda da Consellería de Industria e Comercio, procedeuse á transformación en Centro Comercial Urbano Zona Monumental, que está constituído polos establecementos dedicados ao comercio, hostalería, ocio, servizos e profesionais sitos nas rúas do casco histórico que, voluntariamente, deciden formar parte desta entidade que supón o seu agrupamento baixo unha imaxe común propia permanente  e xestión estratéxica profesional compartida.


O éxito desta iniciativa de dinamización económica, cultural e social do casco histórico radica na capacidade de combinar e aproveitar sinerxías derivadas de: tradición comercial, asociacionismo, imaxe propia, xestión profesional común e estratexia propia de futuro.


Para ofrecer ao consumidor: facilidades, entretemento, trato personalizado, variedade, especialización, e moito máis. 



Miguel A.Lago Rey (Presidente CCU)
Mónica Tomé Cochón (Xerente CCU)














A Moda Dabaixo, fundada no ano 1896


A Moda Dabaixo foi fundada en 1896, na rúa dos Soportais da Herrería de Pontevedra e a actividade do comercio sempre foi a venda de roupa interior de cabaleiro, batas, paraugas, camisas, chapeus maletas e baúis.


Como existían dous locais moi próximos un arriba e outro abaixo. Segundo a súa situación respecto da Praza da Herrería, rexentados polos irmáns González García, as persoas coñecían como A Moda de Arriba, e A Moda dá Baixo, de aí o nome do establecemento que se mantén até agora.


Carlos Antonio Díaz González e Rosa Díaz Prados

O que iniciou o negocio familiar foi Don Dalmiro González García e o seu neto Carlos Antonio Díaz González, que é o actual titular, desde o ano 1970, axudado nestes momentos pola súa filla Rosa Díaz Prados, polo que é de esperar unha continuidade no futuro.


O comercio chegou a ter tres empregados que se foron xubilando ao longo dos anos, o último José Luís Filgueira  de Veiga, quen o fixo cunha antigüidade de cincuenta e un anos.


Fachada actual do establecemento

Actualmente é un negocio familiar, sen empregados, que mantén  a actividade de venda de roupa interior de cabaleiro, batas, paraugas , camisas, boinas, chapeu, pero aumentouse a venda en bandeiras, xoguetes de colección, coches, avións, trens eléctricos, etc e procurou adaptarse aos novos tempos mediante a utilización das novas tecnoloxías, como son o posuír terminal de punto de venda, correo electrónico e paxina web.


Sempre foi e segue sendo, a base e o espírito do comercio  atender ao cliente dunha forma persoal e directa, aconsellándolle sobre o artigo solicitado, informándolle da actividade do mesmo, procurouse manter artigos tradicionais e en suma prestar un bo servizo.