25 feb 2013

Xoiería Carreira, un clásico en Ribadeo

Xoiería Carreira, forma parte da historia do comercio tradicional e familiar

 

Centro Comercial Aberto de Ribadeo - ACISA

 

 

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo fundouse en maio 1989, despois de máis de cinco anos de traballo dun grupo de coñecidos empresarios da vila. Na actualidade conta cuns 200 asociados (información dada polo CCA).

 

Foi a principios do novo século, do XXI, cando se creou o Centro Comercial Aberto de Ribadeo que logrou, entre outras cousas, a peatonalización das principais rúas comerciais da vila. Ao CCA pertencen 130 establecementos e os outros 70 forman parte da importante sección da hostaleira ribadense. 

 

Son numerosas as campañas promocionais que organiza o CCA ao longo do ano para potenciar as compras no comercio tradicional de Ribadeo, un dos máis fortes da comarca da Mariña de Lugo e do Occidente asturiano. Hai feiras de stocks e noites abertas ademais das citas máis tradicionais, como son días da nai e do pai, o Antroido, o día de San Valentín, as rebaixas de verán e de inverno e o Nadal. 

 

Hai dous anos que ACISA celebra a súa gala ou festa do sector na que se recoñece a figura dun asociado que destaca pola súa traxectoria e tamén a unha persoa, ribadense de nacemento ou de adopción, que promova a súa vila aló por onde vaia. ACISA organiza tamén diferentes xornadas gastronómicas e outras citas nas que comercio e hostalería van da man. 

 

Roberto Rivas Beatriz Irigoyen (Presidente e Xerente)

 

Roberto Rivas Tomé é desde hai un ano o presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo. E Beatriz Irigoyen é a xerente do Centro Comercial Aberto desde o 2008. 

 

Páxina web: www.ribadeocca.es

 

 

 

 

Xoiería Carreira, un clásico en Ribadeo

 

 


Corría o 16 de novembro de 1932 cando Jesús Carreira González, natural de Outeiro de Rei, decidiu establecerse en Ribadeo e dedicarse á venda e compostura de reloxos e tamén de lentes graduadas e de sol. 

 

 

Abriu as súas portas na rúa Reinante, 7. Xoiería Carreira foi e é un negocio familiar e artesanal “porque as reparacións dos reloxos seguímolas a facer nos nosos talleres, aínda que agora a maioría son electrónicos fronte aos de antes que eran de corda”, tal e como explica Jesús Carreira Braña, fillo do fundador deste establecemento, que con tan só 15 anos comezou a montar lentes graduadas e a amañar reloxos a carón do seu pai. 

 

Carreira Braña lembra que seu pai pagaba 25 pesetas de renda, a mesma cantidade que abonou pola licenza de apertura, tal e como aínda hoxe se pode ver nun documento exposto no interior da xoiería. Jesús Carreira conta que a óptica de anteojería naceu asimilada á reloxería, ata que  polos anos 50 o Ministerio de Educación creou o diploma correspondente, dándolle validez técnica a eses ensinos. O fundador de Xoiería Carreira realizou os cursos que se impartían en Madrid e obtivo o título, que lle permitiu á óptica adquirir unha grande relevancia no seu negocio e en toda a zona. Nese momento acomete unha reforma do local ao que incorpora maquinaria de última tecnoloxía para o despacho de receitas dos oftalmólogos e para a adaptación e reparación de gafas graduadas e de sol.

 

Ambas actividades, xoiería e óptica, compartiron local durante 63 anos ata 1995. Nese momento a familia Carreira abre unhas novas instalacións na mesma rúa Reinante, pero

neste caso no nº 15, dedicado en exclusiva á graduación da vista e ao despacho de gafas graduadas e de sol, lentes de contacto, aparatos ópticos, audiófonos, etc. É Lucía Carreira Alonso, diplomada en Óptica e Optometría e neta do fundador da Xoiería Carreira, a que dirixe con éxito o negocio. 

 

Xa no ano 2004 a xoiería cambia tamén de ubicación por mor da obras de derrube do inmoble onde estaba instalada desde o seu inicio. Segue na rúa Reinante, pero no nº 4. Serán 81 os anos que cumpra en novembro este tradicional establecemento comercial en Ribadeo, “que ademais dunha mostra de orgullo é ao mesmo tempo o agradecemento á nosa fiel clientela desta comarca asturgalaica, que sempre foi para nós un estímulo e un compromiso coa atención personalizada, o bo facer profesional e o traballo ben feito”,

 

indica Jesús Carreira Braña, xa xubilado. É a súa dona, Mª Concepción Alonso, á que segue á fronte da xoiería, mentres que a súa filla dirixe a óptica. 

 

 

O local da xoiería foi cambiando, tal e como se pode apreciar nas imaxes que aquí lles amosamos. “O primitivo era precioso, contaba cunha vitrina acristalada que chamaba

a atención. Serviu de mostra para outros locais montados posteriormente. Era dos máis bonitos que te podías atopar desde Oviedo ata A Coruña”, subliña Jesús Carreira.  

 

 

O 3 de decembro de 2011, no acto de celebración da festividade de San Eloy, patrón dos xoieiros, que tivo lugar no hotel María Pita da Coruña, Jesús Carreira Braña recibiu o trofeo segueta de prata por toda unha vida dedicada á súa profesión. Fixéronlle entrega do mesmo Óscar Rodríguez, presidente do Colexio de Xoieiros, e Senén Rodríguez, membro da xunta directiva.

 

Xoiería Carreira continúa en Ribadeo coa venda de xoias e reloxos das máis variadas marcas, así coma as últimas novidades en prata e aceiro. A súa clientela valora a súa proximidade, a súa forma de traballar e o seu trato. Este establecemento forma parte da historia do comercio tradicional e familiar dunha vila que conta cun sector que é un referente en toda a zona.

 

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario