28 ene 2013

Dulces A Maricola: "Toda unha vida"

Semana dedicada a Dulces La Maricola. Comercio asociado do centro comercial aberto de Riveira - Viamare

 

Centro Comercial Aberto Viamare: entidade multisectorial

 

Riveira é unha cidade situada na costa oeste da provincia de A Coruña, na bisbarra do Barbanza. A capital e núcleo urbano máis poboado é Santa Uxía de Riveira.

Riveira conta cun ámbito incomparable, rodeado de abundante vexetación e coroado por fermosas praias como as de Coroso, Touro, Castiñeiras, Vilar, e Aguiño.
O comercio é unha das actividades económicas predominantes na cidade, xera emprego, riqueza e é polo de atracción non só dos cidadáns de Riveira senón que actúa tamén como polo de atracción de compradores da bisbarra do Barbanza.
A Asociación de Empresarios de Riveira consciente da importancia que para o municipio representa o comercio decide constituír unha agrupación de empresarios de comercio baixo o Centro Comercial Aberto Viamare.
A Asociación de Empresarios, comerciantes e traballadores autónomos de Riveira constitúese en novembro de 1979.

Dende aquel momento acometéronse multitude de proxectos os cales, impulsados pola Asociación e dunha ou outro xeito sempre estiveron presentes en cantas accións de progreso e desenvolvemento executáronse no seu ámbito de actuación polos distintos organismos públicos e privados defendendo, ascendendo, impulsando e velando polos intereses dos empresarios, comerciantes e traballadores autónomos de Ribeira.

A entidade, conta cunha estrutura profesional, unha Xerente Diplomada en Xestión e Administración Pública. Persoal administrativo especializado en temas laborais, persoal auxiliar encargado de manter ao día as iniciativas da asociación aos asociados e á asociación das iniciativas e suxestións dos asociados e un asesor xurídico que ofrece aos asociados de forma gratuíta asesoramento laboral, contable, fiscal e xurídico, representación ante organismos públicos e privados e formación a través de cursos e xornadas.

Conta con sede propia, situada na rúa Rosalía de Castro número 13, entresollado. Na actualidade, aglutina no seu seo arredor de 300 asociados (información dada polo Centro Comercial) de practicamente todas as actividades económicas que se desenvolven no seu ámbito territorial. Converteuse no referente imprescindible para a relación entre as Administracións públicas e os empresarios de Ribeira e no nexo preciso e indispensable para permitir unha comunicación a nivel global con estas.

Páxina web: www.viamare.es
Páxina web: www.empresariosriveira.com

 

Dulces A Maricola: "Toda unha vida"

 


Todo comenzou, fai mais de cen anos, con Ramona Parada “mama Ramona”, que faleceu aos 103 anos.

Huérfana de pai, comenzou aos 10 anos a servir na Familia Cardona de Riveira.

Un relixioso, que frecuentaba a familia, foi quen a ensinou escabechado e anchoado que facía para a fábrica, así como a cociñar y repostaría.

Casouse, e iniciou o su traballo por conta propia.





Eran tempos nos que a alimentación, mesmo nas celebracións, era moi elemental. Non se servia marisco, por exemplo.






Mamá Ramona, “A Maricola” xa facía tortas de alméndoa e moca, bizcoito, rosca “carrapito”, brazos de xitano, licores, confeitados,  etc…Polo que atendía Vodas, Bautizos, Primeras Misas…etc



Utilizaba o forno do Sr. Pedro, avó de Sinda (Panadería que actualmente non existe), para cocer e cociñar.

As suas formulas maxistrais  herdáronas os seus netos Manolo e Josi, que dirixen “Dulces La Maricola”, na rúa Rosalía de Castro, cunhas instalacións adaptadas as súas necesidades  onde levan máis de 30 anos deleitando os nosos padais.



Os seus tres fillos, e un neto son os actuais herdeiros das fórmulas maxistrais inigualables, que seguimos gozando, onde os produtos naturais da zona son materia imprescindible. 


Esperamos poder  seguir gozando de sabores inigualables por moito tempo.

21 ene 2013

"Moda Hogar", tres xeracións de comercio tradicional en Moaña

Actualmente "Moda Hogar": De ultramarinos ao textil, especializándose  finalmente na rama do tecido do fogar 

 

Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña - ACIMO: dinamizador da economía e da sociedade de Moaña

   






A Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña nace en 1983 baixo o nome de Agrupación do Pequeno Comercio e Hostalería. Situada no paraíso das Rías Baixas, O Morrazo, e bañada pola Ría de Vigo en toda a súa extensión, Moaña convértese nun gran atractivo turístico para os visitantes. Situada a un paso da Ponte de Rande, conecta moi ben con Vigo e Pontevedra, ofrecendo un lugar de relaxación e ocio moi preto das grandes cidades.





ACIMO ten un papel dinamizador da economía e da sociedade de Moaña. Conta ao redor de 136 empresas asociadas (información dada pola asociación), na súa maioría comercio de proximidade, pero que engloban practicamente todas as actividades.

É unha organización libre e politicamente independente, sen ánimo de lucro, cuxa finalidade é a de representar, xestionar e defender os intereses dos seus asociados, atendendo ás súas necesidades de información, formación e asesoramento dentro do ámbito territorial de Moaña. 

Realizan estudos de mercado, levan a cabo campañas de promoción comercial e serven de órganos de unión e coordinación entre os seus membros defendendo os seus intereses en temas de incidencia local e comarcal.

En 1992 ACIMO intégrase na Federación de Comerciantes  e Industriais do Morrazo (FECIMO) xunto coas asociacións de Bueu e Cangas (ACIBU e ACICA)

O proxecto de unificación das 3 asociacións locais e a do Polígono Empresarial de Castiñeiras (AEPICAS) en 2007, responde a unha situación lóxica, posto que os 3 Concellos viven unha mesma realidade; esta fusión sirve, neste contexto, para acadar máis recursos, fomentar a formación e impulsar campañas de promoción unitarias, todo elo sen esquecer a defensa fronte as grandes áreas comerciais.


Neste senso, trátase de coidar o comercio tradicional e a pequena empresa da comarca, potenciando a recuperación da ilusión, cambiando a dinámica de derrotismo pola adaptación ás novas situacións e tendencias de mercado.

Así mesmo, as asociacións adoptan medidas de Responsabilidade Social para minimizar o seu impacto sobre o contorno e maximizar os efectos positivos da súa xestión.

Apóstase firmemente pola cultura do Morrazo, colaborando e apoiando diversidade de eventos que polas súas características sexan de especial interese para a sociedade, devolvendo en parte a confianza que os veciñ@s do Morrazo poñen nas empresas asociadas.

As empresas aséntanse nunha zona moi rica biolóxica e geologicamente no sur das Rías Baixas, por iso se aposta tamén polo respecto e o compromiso co medio ambiente.

Coa implantación da política “Comprometidos co noso contorno” lévanse a cabo actividades que poñen en valor os recursos naturais da zona, como por exemplo a realización de roteiros polos montes e contornos de Moaña, e actividades que buscan concienciar ás empresas de que o respecto e coidado da natureza é un activo que xoga a favor de tódolos habitantes do Morrazo.

Nos últimos tempos por exemplo favoreceuse a sustitución das tradicionais bolsas plásticas nos establecementos asociados por outras de plástico biodegradable, e posteriormente de papel 100% reciclado e reutilizable.

Dende ACIMO, Agrupación do Pequeno Comercio e Hostalería de Moaña, fieis ós principios históricos do asociacionismo e defensa dos intereses do sector, pártese dunha vocación integradora, plural e democrática, constituíndose no interlocutor e defensor dos intereses comúns do sector fronte institucións, organismos e entidades. Traballarase para   lograr  o  total recoñecemento do sector en todos aqueles foros onde se traten temas que nos afecten,  consensuando as inquedanzas dos seus asociados, baixo os principios democráticos de participación.

Páxina web: www.fecimo.es

 

"Moda Hogar", tres xeracións de comercio tradicional en Moaña 


Falamos con Xan Cancelas, responsable de “MODA HOGAR” en Moaña, quen nos conta a historia profesional da súa familia, á fronte de establecementos comerciais dende tres xeracións atrás.



“A de Benina”.


Coa axuda dos seus recordos e o que lle tiña contado a súa nai, cóntanos que alá polos anos 30 e antes do estalido da Guerra Civil en España, a súa avoa Benigna daba comidas nun establecemento onde probablemente tamén se vendían ultramarinos, cousa que non pode asegurar unha vez pasado tanto tempo…

Alí adoitaban comer membros da Guardia Civil. Un deles, de nome Julio, salvou ó avó de Xan Cancelas do paseillo final dos “falanxistas” que actuaban con total impunidade naqueles días, advertindo a Benigna de que o seu home fora elexido para ser pasado polas armas aquela mesma noite, na que José ía desaparecer de Moaña. Esta historia, transmitida a Xan nos seus anos mozos e máis reivindicativos, ensinoulle que se pode atopar xente boa en todas as profesións a pesar dos prexuízos que un poida ter.


Pasada a Guerra Civil, o local convértese nunha tenda de ultramarinos típica naqueles tempos, na que había de todo. Aquel local rexentado por Benigna Piñeiro Jalda na rúa Concepción Arenal, sería recordado para sempre en Moaña como “A de Benina”.

Máis ou menos no 1952, María Collazo Piñeiro, filla de Benigna, xa cosía “para fora”, cando a súa nai decide montarlle un local anexo ao ultramarinos, comunicado por unha porta interior. O comercio era un conxunto de mercería, lencería, telas, moda, un comercio menos especializado que as tendas actuais, con todo tipo de produtos relacionados co textil, que se ben non se atopaban en tenda, se preocupaban de conseguilos.



María Collazo decide a principios dos anos 70 trasladar o seu comercio de textil á rúa Ramón Cabanillas, paralela a Concepción Arenal, xusto por detrás. Ademais de levar a mercería neste novo local vendía máquinas de coser e ensinaba a coser e bordar.




“MODA HOGAR”


Polo ano 1979, Xan Cancelas decide con 20 anos incorporarse ao negocio. Escolle potenciar unha das ramas da empresa, a dos tecidos do fogar: cortinas, alfombras, etc.


Nun primeiro momento faino no local da súa nai, en Ramón Cabanillas, pero entre 1981 e 1982 reabre o local da rúa Concepción Areal, dedicado exclusivamente ao fogar, e adopta un nome comercial : “MODA HOGAR”. Este emprendemento supón para a súa familia a terceira xeración adicada ao comercio tradicional e de proximidade.


Do local anexo, o orixinal de ultramarinos, se foi facendo cargo outra filla, chamada tamén Benigna, ata aproximadamente 1988 cando se ve obrigada a pechalo por enfermidade.


Cara o ano 2000 María Collazo xubílase e Xan Cancelas pasa a rexentar tamén a mercería de Ramón Cabanillas xunto coa súa muller, Lola, ocupándose dos dous negocios. E así, ata o día de hoxe.


Pouco a pouco o negocio foise adaptando aos tempos modernos e á demanda, ofrecendo novos servizos como o proceso completo de colocación de cortinas para o fogar. Souberon adaptarse aos modelos de negocio que funcionaban.


Nunca fixeron grandes reformas nos seus establecementos, continuando sen grandes cambios coa imaxe de comercio tradicional que os seus clientes coñecen.



O seu valor engadido é a proximidade cos cidadáns, a seriedade coa que traballan e a confianza construída co seu traballo ao longo de tantos anos.

Xan confesa que foi unha actividade que comezou sen un proxecto empresarial por detrás, que se basea no esforzo de traballadores autónomos que tomaron o negocio e foron capaces de seguir adiante e xerar traballo como para crear outros postos. O seu principal obxectivo hoxe en día é manter os postos de traballo na súa empresa, por riba doutras reformas. Este comerciante moañés, con tradición comercial na súa familia, pensa que a sociedade “ten que ser algo máis que números, teñen que contar as persoas”.


En canto lle preguntamos polas novas tecnoloxías, fálanos dun primeiro intento para construír a súa páxina web, un paso difícil debido á falta de estocaxe no seu comercio. Aínda así, non descarta nun futuro próximo lanzarse a abrir unha páxina de Facebook, onde él xa ten un perfil propio.

Pedímoslle sacar unhas fotos do seu establecemento en Concepción Arenal, a zona comercial por excelencia da vila de Moaña, debido á súa proximidade ao Mercado Municipal e á zona do Paseo Marítimo. E despedímonos tras facer unha breve visita á mercería de Ramón Cabanillas que agora atende a súa esposa.





14 ene 2013

Reloxería Muíños, tres xeracións ligadas ao decorrer do tempo.

A Xoiaría Muíños: froito do desenvolvemento económico de Marín. Actualmente, baixo o respaldo  de Estrela de Marín.


Estrela de Marín: o ronsel dos comercio da vila mariñeira.



Identidade gráfica corporativa do
 Centro Comercial Aberto de Marían
A comezos do ano 2006 créase a Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín cos fins de xestionar, promover, defender e coordinar os intereses comúns dos seus membros.


Presidenta do CCA, 
Mª Isabel Torres Pazós
Despois de comprobar que o comercio de Marín se atopaba nunha situación de total desamparo, decidiuse poñer en marcha Estrela de Marín, sendo a día de hoxe a principal e única asociación activa tanto en número de asociados como en actividades que se realizan no noso Concello.

Xerente do CCA, Yonathan Carreira
O ámbito de actuación do CCA é o centro urbano de Marín.
Na actualidade o número de asociados ronda os 150. Os obxectivos básicos de Asociación, entre outros, son os seguintes:
a. Defender os intereses peculiares na orde profesional, económica, tecnolóxica e comercial dos seus asociados, principalmente no ámbito municipal.
b. Defender os intereses dos seus asociados en calquera ámbito territorial en relación a cantas decisións que lles afecten adoptadas polos respectivos gobernos (local, autonómico, estatal ou supraestatal).
c. A organización por conta propia, ou en colaboración co Concello ou con calquera outra entidade pública ou privada, de todo tipo de campañas e accións promocionais que teñan como finalidade a potenciación e desenvolvemento do comercio municipal e dos intereses dos asociados.
d. Facilitarlle aos asociados servizos comúns necesarios para o exercicio e mellora das súas actividades profesionais ou empresariais, tales como asesoramento, cursos de formación, innovacións tecnolóxicas, comerciais e de servizos, aparcamento,etc.
Nestes seis anos de vida, o CCA contou con dúas presidentas, Marísé Bértola Torres e Isabel Torres Pazos (presidenta actual). A directiva da asociación de comerciantes do centro comercial aberto (CCA) Estrela de Marín está integrada por:
  • Presidenta: Dª Mª Isabel Torres Pazos (Deportes Xesta).
  • Vicepresidente: Dº Sergio Pesqueira Fariña (Xoiería Rosant).
  • Secretaria: Dª Mª Catalina Conde Mansa (Bebe Katy).
  • Tesoureiro: Dº Antonio Muiños Sedano (Xoiería Muíños).
  • Vogal comercio: Dª Mª Ines Nistal Pérez (Calzados Inés Marcos).
  • Vogal hostalería: Dº Manuel Mendaña Soage (Restaurante “A Lonja Vella”).
  • Vogal praza de abastos: Dª Mª Begoña Rosales Barros (Posto 1172).
  • Xerencia:Dº Yonatan Carreira Figueiras.



Reloxería Muíños, tres xeracións ligadas ao decorrer do tempo.


Antonio Muíños Búa
Todo comezou cunha mera paixón polos reloxos cando Antonio Muíños Búa decidiu fundar en 1908 unha reloxería. Natural de Pontevedra e con visión de negocio na localidade pontevedresa de Marín, asentou os alicerces para iniciar unha nova andaina vital e comercial nesta pequena vila mariñeira. Deste modo, a principios do século XX Marín comezaba a ter un importante desenvolvemento económico: unha crecente e, cada vez máis importante, industria pesqueira e un importante desenvolvemento comercial.
A consolidación do negocio chega da man do apoio familiar, ben por parte da súa muller, ben pola axudas que achegaron os seus fillos. 

A concepción do tempo e dos reloxos foi mudando ao longo dos anos e configurando novos valores en cada momento. Naquela época, o reloxo de peto postulábase como antonomasia nas clases burguesas. A taxación do tempo percibíase e impúñase tanto no mundo do traballo como na sociedade burguesa incipiente a principios de século XX. Estábase ante nunha nova era na que a concepción do tempo e a consideración deste como “ouro” fan que o traballo dun reloxeiro sexa apreciado e imprescindible nos tempos que corrían. Ter os coñecementos e as habilidades de saber amañar unha maquinaria composta de ínfimas infinitas pezas de sixiloso traballo, fan considerar a un reloxeiro como un auténtico mago da mecánica temporal.

A concepción do reloxo como un complemento na vida diaria de homes e mulleres non tarda en calar na sociedade como obxecto de agasallo, de moda, de deseño e como non, de distinción. Os reloxos comezan a ter unha gran reputación social pasando a ser un elemento clave na vida moderna. O reloxo de peto imponse na vida cotiá e o reloxo de parede preside o entorno familiar.
A vinculación sentimental cun reloxo é sumamente importante. Cando tentamos recuperar o noso reloxo,  o obradoiro da reloxería e o reloxeiro convértense nun espazo máxico de ilusión e esperanza.

Antiga Rúa Vicenti, actual Rúa do Sol, Marín
Os anos 20, supuxeron unha era prosperidade para  Joyería Muíños. En 1925 Antonio Muíños Búa decide trasladar o negocio e o taller a unha nova localización: unha rúa máis comercial posto que se trataba do centro neurálxico da vila. A día de hoxe e dende 1925 a Joyería Muíños continúa presente na antiga Rúa Vicenti, actualmente denominada Rúa do Sol. Mais, a bonanza da década anterior veuse truncada polos acontecementos de 1936 decidindo permanecer o negocio pechado durante un longo período temporal.
A paixón polo negocio, o taller e a enxeñaría reloxeira fan que Antonio Muíños tome forzas para rexurdir novamente no mercado. Así, o apoio achegado polos seus fillos, o enxeño, o traballo e a tesón foron quen de asentar unhas bases sólidas para a pervivencia.
Dado o contexto dos anos 40 e a política económica da autarquía que rexía en España truxo consigo a inexistencia de importacións polo que calquera reloxo inservible era reutilizado para a construción doutro novo.

Emma Muíños Álvarez
Xa nos inicios dos anos 50, ten lugar o primeiro relevo xeracional da man dos seu fillos Antonio Muíño Álvarez  e Emma Muíños Álvarez. Antonio como bo coñecedor do oficio e apaixoado da reloxería transmitido polo seu pai, xunto coa amabilidade e unha excelente atención ao cliente, foron os piares indispensables que sostiveron o seu recorrido ata os nosos días.
Anos despois e xa entrada a década dos 60, incorpórase Mª Carmen Sedano (muller de Antonio Muíños) no negocio xunto cos seus fillos. Comezaba  a xurdir un novo estilo de vida na que se facía indispensable á compatibilización entre a vida familiar e laboral.

Na década dos 80, ten lugar unha serie de reformas e melloras no establecemento comercial  coa finalidade de ir atendendo ás novas necesidades.  
A medida que van pasando os anos, os cambios son máis constantes e o desenvolvemento tecnolóxico  vai acadando, días tras día, unha maior presenza: os reloxos de cuarzo irrompen no mercado con gran forza. Tamén comezan a xurdir novas tendencias tanto en xoiaría como en reloxería de modo anual.

O papel do merchandising, a visualización no punto de venda e as novas formas de visualizar o produto no lugar de venda, van adquirindo unha maior presenza e importancia: inícianse os escapares con plafóns, soportes publicitarios, a existencia dunha coidada xoiaría... en definitiva, unha exquisita presentación dos produtos. Todo isto desembocou na consolidación da confianza dos cliente de sempre e dos novos. 
Antonio Muíños e María Elisa Sobral
Antonio Muíños Sedano, neto do fundador, e María Elisa Sobral García continúan a día de hoxe co negocio fiel á tradición do taller, fiel á seriedade da atención ao cliente e, como non, fiel á calidade e o bo servizo de sempre. 


Moitos dos clientes de hoxe son fillos, netos ou bisnetos dos primeiros clientes que tomaron a decisión de confiar no seu fundador, Manuel Antonio Muíños Búa.