15 abr 2013

Farmacia Couceiro, nove xeracións de farmacéuticos

Farmacia Couceiro, tres séculos rexida pola mesma familia

 

Acebe, CCA. Asociación dos Comerciantes e Empresarios de betanzos, ten máis de 30 anos de historia

 


ACEBE.CCA é a Asociación dos Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto, unha organización sectorial con máis de 30 anos de historia e integrada na rede de Centros Comerciais Abertos de Galicia dende o ano 2005.



A principios dos anos oitenta do pasado século créase a Asociación de Comerciantes de Betanzos, xerme da actual asociación. A este colectivo únese posteriormente o de empresarios, danto lugar á Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (ACEBE).



No 2005 ACEBE incorpórase á rede de Centros Comerciais Abertos de Galicia, logo da aprobación do seu Estudo de Viabilidade por parte da Xunta de Galicia, xerando un cambio significativo na súa actuación e pasando a denominarse ACEBE.CCA, Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos Centro Comercial Aberto.



A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos C.C.A. foi constituida cunha clara finalidade: impulsar a actividade empresarial, especialmente a adicada ó pequeno comercio, que se desenvolve en Betanzos e a súa comarca.



O Concello de Betanzos é a base de actuación de ACEBE.CCA aínda que o seu mercado de influencia se estende por toda a comarca das Mariñas, abranguendo ata 10 concellos, nunha área xeográfica determinada pola proximidade das localidades limítrofes (Aranga, Cesuras, Coirós, Curtis, Irixoa, Miño, Oza dos Ríos, Paderne, Villarmaior, Vilasantar, Bergondo, Abegondo...).



A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos CCA está formada polo conxunto de actividades comerciais e de servizos que se sitúan dentro do centro urbano. A súa estrutura correspóndese cunha serie de criterios, tales como a diversidade comercial e de servicios, unidas á oferta complementaria de ocio.



Na actualidade o CCA do Comercio de Betanzos está integrado por preto de 200 socios (información dada polo CCA) que representan a totalidade dos sectores comerciais de Betanzos ós que a Asociación ofrece diversos servizos e vantaxes de cara a súa promoción e mellora baseándose sempre nos principios básicos de unión, dinamismo, promoción e concienciación sobre  as vantaxes do asociacionismo ademais de desenvolver plans de actuación dirixidos á fidelización, promoción e dinamización comercial na que participan os comercios integrados no CCA de Betanzos. ACEBE.CCA traballa para que o CCA de Betanzos represente unha zona de compras cada vez máis atractiva e de fácil e cómodo acceso.



O CCA de Betanzos, ademais de estar integrado nunha área monumental ofrece un trato personalizado, espazos abertos e zonas axardinadas, integra outros servizos que non son únicamente comerciais pero que son focos de atracción de clientes potenciais (Hostalaría, Administracións Públicas, Servizos…). Además, o CCA do Comercio de Betanzos é o principal xerador de riqueza para a localidade, pois está conformado por unha gran diversidade de PEMES que sosteñen a economía local.




Antonia Anido (Presidenta CCA)


Raquel Lagares (Xerente CCA)


















 Páxina web: www.comerciodebetanzos.com

 

Farmacia Couceiro, nove xeracións de farmacéuticos

 


A Farmacia do Doutor Couceiro situada no número 8 da Rúa dos Prateiros de Betanzos leva en actividade ininterrompidamente os tres últimos séculos rexida pola mesma familia e sempre na mesma ubicación, que curiosamente se atopa no Camiño Inglés a Santiago de Compostela. 

 

A primeira noticia que se ten da farmacia remóntanse ó ano 1719, data mencionada por dous documentos presentados como proba nun pleito do ano 1744 nos que se menciona a existencia dunha “oficina de boticario”.



Alonso Bermúdez de Castro iniciou a saga de nove xeracións de farmacéuticos que pasaron pola FARMACIA COUCEIRO DE BETANZOS convertíndoa deste xeito na farmacia máis antiga de Galicia. No seu interior ademáis poden contemplarse un numeroso conxunto de botes e múltiples utensilios relacionados coa actividade farmacéutica. 

 

 

 

 

O 28 de setembro de 1801 créanse os Colexios de Farmacia que serían os encargados de expedir os títulos de Licenciado en Farmacia. Nese momento, para exercer a profesión era preciso limpeza de sangue e fe de bautismo. 

 

No ano 1828 don Cosme Antolín Serrano Crespo compra a casa donde habita e na cal está ubicada a farmacia. Don Cosme ademais da un gran impulso ó negocio coa creación dunha fábrica de “crémor” (Sal potásico do ácido tartárico que era usado como purgante en afeccións inflamatorias). 

 

Jesús Couceiro Núñez é fillo de Don Fermín Couceiro Serrano e Dona Elvira Núñez López foi farmacéutico dende o ano 1925 ata a súa xubilación, con 79 anos. O 23 de setembro de 1921 rexistra no Ministerio da Gobernación o laboratorio anexo á farmacia co nome de  HUEL. O mencionado laboratorio funcionaba dende había tempo e a súa propiedade era transmitida de pais a fillos. Os empregados da farmacia eran os que elaboraban as especialidades baixo a súa dirección.
Actualmente continúanse preparando algún deles con venda exclusiva na propia farmacia con receita médica.

 

María Luisa Couceiro Seoane, sobriña de Don Jesús Couceiro Núñez, comeza a traballar na farmacia aproximadamente no 1952. No ano 1967 falece o seu tío, D. Jesús Couceiro Núñez, data a partir da cal Dona María Luisa pasará ser a titular da FARMACIA COUCEIRO, a partir do ano 1968, continuando coa tradición familiar xerada ao longo do tempo. No ano 1972 incorpórase á farmacia como titular María José Martínez Couceiro, outra das sobriñas de Don Jesús Couceiro. 

 

Dona María Luisa foi recuperando a esencia do que fora nos seus inicios a “Botica” encargando a un ebanista que fixese un dos antigos mobles e recuperando pezas e botes antigos, xa que na FARMACIA COUCEIRO pódense atopar pezas do século XIX. Ademáis a beleza dos caixóns e a antigüidade dos utensilios fan dela unha auténtica FARMACIA-MUSEO. 

 

 

A Farmacia do Doutor Couceiro segue actualmente en actividade no mesmo lugar, na rúa dos Prateiros nº 8.

 

María Sánchez Martínez, a actual responsable da farmacia, valora moi especialmente o carácter familiar da farmacia e a súa vocación de servizo público. O trato co cliente no seu día a día, o feito de ofrecer consellos individualizados e o servizo de preparación de fórmulas maxistrais son algúns dos factores que a axudan a valorar moi positivamente o seu traballo como farmacéutica. Precisamente estas son as cualidades que máis aprecian os clientes da  Farmacia Couceiro de Betanzos, ademais da accesibilidade e da amabilidade do persoal da farmacia. 

 

A preparación de fórmulas maxistrais é un dos puntos fortes da Farmacia Couceiro. Ata o 2004 a lexislación permitía a elaboración de fórmulas nas farmacias pero a partir dese momento endurécese a lexislación e esíxese ter un laboratorio separado da farmacia. As fórmulas maxistrais máis demandadas son principalmente as fórmulas para coidados dermatolóxicos. 

 

En Couceiro entenden a farmacia como un servizo público, non como un negocio. Sacrifican a vertente comercial da farmacia para mantela coa decoración existente. Non teñen escaparates nin mostradores auxiliares que se empregan na actualidade para a venda por impulso. Non se apoian na venda de artigos de parafarmacia. Según María Sánchez cando entras na Farmacia Couceiro “compras o que vas comprar. Non hai venda por impulso”. 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A Farmacia Doutor Couceiro Serrano é a farmacia máis antiga de Galicia segundo mostra a documentación atopada que data do 1719. A súa beleza e o excelente coidado do mobiliario e o numeroso conxunto de botes e múltiples utensilios de farmacia convírtena nunha auténtica
FARMACIA-MUSEO. A Xunta de Galicia concedeulle no 2001 a Medalla de Prata de Galicia así como o recoñecemento no 2008 por parte da Real Academia de Belas Artes de Galicia polo mantemento exemplar do mobiliario respecto ás remodelacións feitas nos pasados séculos. 

 

No ano 1987 concédeselle á farmacia Doutor Couceiro o premio de “Establecemento Centenario” da Cámara de Comercio da Coruña. 

 

En marzo de 2013 o Concello de Betanzos concedeu a María Luisa Couceiro Seoane o Premio Úrsula Menéndez de Texeda, un premio compartido con outra farmacéutica betanceira, Amalia Leis Bugallo. O premio recoñece o labor, colectivo ou individual, de quen coa súa actividade persoal ou profesional contribuíu a fomentar a igualdade de xénero en Betanzos.

8 abr 2013

Panadería "A Bicha", cinco xeracións de panadeiros

Panadería "A Bicha". O nome provén do mote familiar


Asociación de comerciantes e Industriais de Bueu - ACIBU

 

 

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu nace en 1987 baixo as siglas de ACIBU.

 

 

 

 

 

A vila de Bueu forma parte da comarca do Morrazo, situada na beira norte da península e bañada pola Ría de Pontevedra, onde se atopa a Illa de Ons, que forma
Parque Natural Illas Atlánticas - Ons
parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e atrae cada ano a centos de visitantes. O municipio conta cunha marabillosa riqueza natural: praias de augas cristalinas e area branca, panorámicas extraordinarias sobre o Atlántico, roteiros polas súas fragas, o espazo protexido de Cabo Udra…



É unha vila costeira na que a principal fonte de riqueza dende antigo é a pesca, cun pasado dourado coma un
Vista Bueu
dos portos máis importantes polo impulso da industria conserveira. Unha das fábricas acolle hoxe o destacado Museo Massó, un dos  máis importantes da península ibérica no eido da cultura mariñeira. Naceu froito das inquietudes culturais dos industriais cataláns Gaspar, José Mª e Antonio Massó. O seu interese pola historia da navegación lles leva a crear unha colección de libros imprimidos entre os séculos XV e XIX, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas que constitúen a alma desta colección.



Bueu segue a contar cun porto moi dinámico e cunha lonxa que realiza as subastas do polbo e o peixe variado pola tarde a partir das 17:00h. A Praza de Abastos, de
Praza de Abastos de Bueu
moita sona na comarca, abre pola tarde para vender o peixe da subasta. A calidade e frescura da materia prima é tal, que este mercado recibe a diario visitas dos municipios veciños. En canto a cidades máis grandes, sempre foi unha localidade moi ben conectada con Marín e coa capital da provincia, da que distan tan só 20km.



ACIBU naceu para agrupar ao sector servizos e defender os seus intereses, así como para dinamizar a economía local. Conta ao redor de 102 empresas asociadas (información dada polo CCA), na súa maioría comercio de proximidade, pero engloba practicamente todas as actividades.


É unha organización libre e politicamente independente, sen ánimo de lucro, cuia finalidade é a de representar, xestionar e defender os intereses dos seus asociados, atendendo ás súas necesidades de información, formación e asesoramento dentro do ámbito territorial de BUEU.


En 1992 ACIBU intégrase na Federación de Comerciantes  e Industriais do Morrazo (FECIMO) xunto coas asociacións de Moaña e Cangas (ACIMO e ACICA). Unifícanse as tres asociacións locais e a do Polígono Empresarial de Castiñeiras (AEPICAS), tamén da localidade de Bueu, en 2007.


As localidades de Bueu, Cangas e Moaña viven realidades moi similares, tres vilas mariñeiras das Rías Baixas con gran afluencia turística sobre todo no verán, e polas que a poboación circula buscando alternativas de ocio e compras á localidade de residencia. Trala unión impúlsanse campañas unitarias de éxito nos tres concellos, ademáis de acadar máis recursos e fomentar a formación e profesionalización do sector, adaptándose ás necesidades do mercado.


Coa unificación das asociacións, FECIMO converte a toda a Comarca do Morrazo nunha alternativa fronte as grandes áreas comerciais. Trátase de cuidar o comercio tradicional e a pequena empresa da comarca, potenciando as súas peculiaridades e características distintivas.


Colabórase con eventos que pola súas características sexan de especial interese para a sociedade, devolvendo a confianza que os veciñ@s do Morrazo poñen nas empresas asociadas.


Apóstase polo respeto ao medio ambiente con actividades nas que participan empresarios e clientes, nas que se poñen en valor os recursos naturais e patrimoniais da península, e creando un destino turístico de calidade.


ACIBU_Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu, nace cunha vocación integradora, plural e democrática, para defender os intereses de todo un sector, defendéndoo fronte institucións, organismos e entidades.

 

Páxina web: www.fecimo.es

 

 

Panadería "A Bicha", cinco xeracións de panadeiros  

 

A historia de Panadería A Bicha de Bueu, comeza alá polo ano 1860, cando os bisavós de Digna –actual responsable do negocio – rexentaron a primeira panadería do municipio.

 

  

Pais e avós de Digna

 

Os seus avós Francisco e Carmela tomaron o relevo, e posteriormente o seu pai Xeso e o tío Amador. Cando o pai de Digna finou, a súa nai Lola tomou o posto, e traballou moi duro pola panadería, tirando do negocio incluso en tempos de crise.

 

Digna, a maior de 8 irmáns, foi quen heredou a profesión e rexenta hoxe en día a panadería A Bicha, na que todos os irmáns botaron sempre unha man.

 

A esperanza de Digna están postas na quinta xeración, que ven pegando forte e moi animada a levar adiante o negocio familiar. Tomarán moi pronto o relevo, dado que xa están a traballar con ela e formándose incluso no estranxeiro.

 

Non é estrano que A Bicha continúe a ter éxito na vila de Bueu, vista a tradición panadeira do seu árbol xenealóxico. Outros membros da familia mesmo emigraron e montaron panaderías e pastelerías de renome noutras vilas.

 

 

OS COMEZOS

 

O nome tan peculiar que ten a panadería provén do mote familiar. Aos avós por parte paterna xa lles chamaban “os da Bicha”, e o nome perdurou ata hoxe, sen ningún sentido despectivo, senón como un mote cariñoso para identificar a unha familia moi querida en Bueu, á que Digna e as súas irmás están orgullosas de pertencer. Así que, por qué pensar en cambiarlle o nome ao negocio?

 

Carmela, avoa de Digna

Na época da Guerra Civil e Postguerra, cando existía o racionamiento, moitas familias mercaban coa cartilla na súa panadería. Os avós Francisco e Carmela, tan caritativos, facían a vista gorda cos máis necesitados e non lles importaba dar algunha peza de máis. Aínda se escoita dicir que “A Bicha matou moita fame en Bueu”

 

O negocio estivo aberto en diferentes lugares do centro de Bueu ao longo da súa historia. O obrador dos bisabós estaba na Rúa Castelao, o dos avós en Eduardo Vicenti, pasando despois a Montero Ríos, onde naceu Digna e os seus irmáns. E no ano 1953 inaugurouse a actual negocio na Banda do Río nº57, nunha casa que construíu seu pai Xeso.

 

Daquela en Bueu había moito bullicio, moito máis movemento do que hai hoxe en día. Os barcos ían e viñan…había moitos mariñeiros na vila e a fábrica de Massó estaba en pleno rendemento. O pan era máis apreciado e consumido. Digna lembra a gran cantidade de pan que tiñan que facer para os traballadores da fábrica, que deixaban a bolsiña de tela ben cedo pola mañá e pasaban a recollela á saída do traballo, sobre as 13:00h. Eran, segundo ela, “mareas de xente”. Moitos levaban co pan algo de chocolate que tamén se vendía en A Bicha.

 

Era tanta a demanda que ás veces tiñan que facer dúas fornadas ao día, tendo que cocer tamén pola tarde. Non só vendían para a xente da vila, senón que tamén o facían para fóra. Os barcos de bonito que pasaban días no mar, tamén lle encargaban pan. E cando non había aínda repartidores en automóbil, eran señoras con grandes cestos na cabeza as que repartían o pan polas aldeas. Incluso mandaban pan a Aldán e a Bon nos antigos autobuses “Cerqueiro”. E non esquezamos que por aquela época moitas familias vivían en Ons, así que pola Pascua ían os barcos cheos de roscóns para a illa.

 

O sábado de Pascua era unha festa en A Bicha. O forno de pedra traballaba a todo trapo para cocer os bandullos que a xente lles deixaba. Comezaban ás 7 da tarde e cocían ata que os veciños volvían da misa de media noite. A panadería estaba a tope de xente e os cativos da familia o pasaban en grande. Agora algúns maiores continúan a levarlle os seus bandullos, pero en menor medida.

 

Por aquela época atopar un panadeiro era tarefa difícil, e incluso o segue a ser hoxe en día. É un traballo sacrificado, sen días de descanso e cun horario nocturno, diferente a calquer outro. De feito A Bicha tiña panadeiros que viñan doutros municipios. Logo pasaban tanto tempo xuntos que xa se consideraban parte da familia.

 

 

A MODERNIZACIÓN

 

Forno de pedra que aínda se utiliza

O negocio da panadería foise adaptando aos tempos modernos e ás necesidades dos seus clientes. Pero no caso de A Bicha teñen algo moi especial que os diferencia do resto: o forno de pedra e leña que aínda segue en funcionamento e dos que as outras panaderías do Morrazo se foron desfacendo coa chegada dos fornos eléctricos. Pódese dicir que é o único que queda traballando na zona.

 

Antigamente amasaban a man, eran os fortes panadeiros quen o facían en grandes artesas de madeira. Así foi ata os anos 50, cando abriron o actual obrador da Banda do Río e chegaron as máquinas.

 

Nos 60 chegou o forno eléctrico para axilizar o cocido do pan, aínda que nunca quixeron deixar de traballar co forno de pedra que aínda que é máis lento e difícil de traballar, da un resultado que os seus clientes aprecian.

 

Máis tarde chegaron a pesadora e a formadora, que agora mesmo tampouco se utilizan en favor dun pan máis artesano.

 

Digna e sobriña

 

En canto ao consumo, afirman que hoxe en día non se vende tanto pan como noutras épocas, pero o negocio segue adiante. Reparten diariamente a bares e restaurantes, sobre todo pan e empanada e incluso tartas.

 

 

 

A FILOSOFÍA. Máis de 150 anos de historia

 

Os produtos que se atopan na panadería A Bicha son exclusivos, totalmente naturais, feitos coas mellores materias primas e as receitas das antigas xeracións, que Digna heredou e pon en práctica en pan e pasteis.

 

A súa familia foi pioneira facendo empanadas de mazá, moi solicitadas na vila, e contan con productos estrela como os riquísimos brazos de gitano, roscóns, melindros, cocos, empanadas de millo...

 

Como valor engadido, Digna elabora os domingos unhas pezas de pan especiais ás que lle bota moita imaxinación. Ela di con moita gracia que o fai para saber que é domingo, xa que fai pan todos os días. Ten formas moi orixinais: uns parecen polbos, outros nécoras, outros tartarugas… sempre diferentes. A masa tamén ten un toque distinto ese día. Sen dúbida os veciños os aprecian moito e sempre queda sen eles.

 

 

Lola, nai de Digna

Os clientes valoran o seu xeito tradicional de traballar e a confianza demostrada ao longo de máis de 150 anos de servizo. En todos estes anos, esta non é a primeira homenaxe que reciben. No ano 2006, Lola a nai de Digna, recibiu un recoñecemento por parte do Concello de Bueu o día da muller traballadora e a prensa recolleu a súa historia nunha reportaxe.

 

 

O FUTURO

 

Digna e sobriña

A quinta xeración de panadeiros xa está en marcha. Aínda que con outros estudios e oficios, ven no negocio familiar unha opción de futuro. Uns xa están a traballar con Digna para tomar o relevo, mentres outros continúan formándose para renovar a panadería e adaptala ás novas técnicas e a aquilo que os clientes demandan.

 

A pesar dos tempos difíciles que se están a vivir, Digna é optimista co porvir que lle agarda á panadería familiar, e síntese orgullosa de que os novos sigan a loitar por ela. Haberá que adaptarse e especializarse, aprendendo cada día.

 

Aínda así, Digna e as súas irmás puntualizan que falta xente que se adique a este oficio e que sería bo fomentar a aprendizaxe deste traballo entre os xóvenes.

1 abr 2013

Ricardo Terán, S.L. Agricentro, tres séculos facendo empresa de xeración en xeración

Ricardo Terán, S.L. Catro xeracións á fronte do negocio

 

Asociación Centro Comercial Aberto O Barco

 

A ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES, EMPRESARIOS, PROFESIONAIS E AUTÓNOMOS DO CENTRO COMERCIAL ABIERTO DE O BARCO DE VALDEORRAS constituíuse  o día 25 de marzo de 2004.

 

O órgano de goberno provisional da Asociación foi a xunta xestora. O día 1 de xullo de 2004 tivo lugar a presentación pública da imaxe corporativa do CCA.

O día 10 de agosto de 2004 iniciouse a campaña de lanzamento de O BARCO CENTRO COMERCIAL ABERTO mediante a identificación dos establecementos asociados, a instalación de elementos de mobiliaro urbano publicitario (Mupis). 

 

Dende entón puxemos en marcha distintas acción promocionais coas que pretendemos dar a coñecer a vila e atraer a visitantes, destacamos pola súa importancia a produción e emisión dun spot publicitario, co que conseguimos que a nosa vila galega chegara por primeira vez á televisión.

A finais de 2007 puxemos en marcha unha campaña promocional coa que tratamos de concienciar aos nosos veciños da importancia de investir na vila e na comarca para fomentar o seu desenvolvemento e para poñer en valor as potencialidades da zona.

A área de delimitación do Centro Comercial Aberto é a localidade de O Barco de Valdeorras e o conta actualmente ao redor de noventa socios (información dada polo CCA) pertencentes aos sectores alimentación, beleza, hostalería e restauración, complementos , moda, servizos, zapatos fogar e saúde.

 

ACCIÓNS PROMOCIONAIS

  • Emisión de Spot publicitario

  • Campaña de posicionamento

  • Pasarela de moda

  • Actividades dirixidas ao público infantil

  • Distintivo de calidade do comercio

  • Revitalización da festa dos Maios

  • Campañas de fidelización de clientes

PRESIDENCIA E XERENCIA

Presidente: Manuel Miranda.

Xerente: Marta Fernández Sánchez.

 

http://www.obarcoccaberto.com 

 

 

Ricardo Terán, S.L. Agricentro, tres séculos facendo empresa de xeración en xeración

 

Ricardo Terán Arias

 

 

Ricardo Terán S.L é unha tradición, son catro xeracións á fronte do negocio con un espírito emprendedor e de continuidade , tres séculos de por medio.

 

 

 



Tenda orixinal

Trátase dunha empresa que nace no século XIX (1881) e que logra saír adiante a pesar do tempos difíciles, chegando ata os nosos días tras experimentar cambios na súa denominación e diversificación nas súas actividades para adaptarse aos novos tempos.

 

As súas orixes: Procedente de Cantabria, Félix Terán Gómez chegou a traballar como xefe de equipo na construción da liña de ferrocarril. En Valdeorras coñece a unha moza chamada  Balbina Arias Moral, coa que casa e se establecerse definitivamente na localidade de O Barco. 

 

Ambos deciden abrir un pequeno comercio e panadería na rúa San Roque da localidade de O Barco. Este pequeno comercio será o inicio do que hoxe son as empresas dos irmáns Terán.

 

Transcorridos vinte anos Félix Terán falece de forma repentina; será entón cando a súa viúva se fai cargo do negocio familiar durante anos coa axuda dos seus seis fillos.

 

Ricardo Terán Arias - A seguinte xeración: Ricardo e Félix, os dous fillos de Balbina que están ligados ao negocio familiar, continúan xuntos durante algúns anos.

 

Félix decide seguir cos negocios independentes mentres que Ricardo Terán Arias anímase a  trasladar o comercio da súa nai a una rúa mais céntrica e transitada da localidade barquense, a Rúa Nova (hoxe Doctor Pérez Lista). Alí abre unha tenda de “froitos do pais” na que foi pioneiro na venda de cereais, abonos e pensos, entre outros produtos. 

 

Irmáns Terán inaugurando as instalacións reformadas

Relevo Xeracional e ampliación da empresa: Aínda que os fillos de Ricardo Terán Arias – Ricardo e Carlos Luis – están vinculados ao negocio familiar dende os anos cincuenta e sesenta respectivamente, non é ata comezos dos setenta cando se fan cargo da empresa trala xubilación do seu pai. Comeza entón unha etapa de continuas ampliacións na empresa, construíndo primeiro una nave de 3000 m2 para almacenamentosituada en La Puebla co fin de ofrecer un mellor servizo aos seus clientes, que se dedicará  ao comercio por xunto de cereais, fertilizantes e pensos , actividades coas que os fillos continuaron ata a data de hoxe. 

 

Paralelamente a esta actividade, os irmáns Terán constitúen tamén unha empresa de transporte de mercadorías por estrada. 

 

Na década dos noventa deciden ampliar o negocio, xa baixo a denominación de Ricardo Terán S.L; venden animais de compaña, pensos compostos, produtos agro – gandeiros … Acometen a reforma da tenda de Doctor Pérez Lista  ademais da apertura de outra nova la localidade veciña de A Rúa, ambas denominadas AGRICENTRO.

 

A venta neste tipo de novo establecemento (AGRICENTRO), cambia a forma, por tratarse de  auto – servizo, sendo pioneira da venta de este tipo de artigos na Comarca.

 

Diversificación e novo relevo xeracional: Ricardo e Carlos Terán continúan coa diversificación do negocio como consecuencia do cambio de actividades na comarca de Valdeorras. 

 

Seguindo coa política de expansión, no ano 2002 prodúcese a apertura de Garden Sil, na cabeceira da nave que teñen en La Puebla, trátase dunha tenda de 500 m2 dedicada a todo o relacionado coa xardinería, desde produtos e adornos ata “barbacoas”, fontes de auga ou mobles de exterior, ademais de continuar tamén co xénero relacionado co sector agro - gandeiro.

 

O paso do tempo marca a diversificación e tamén o relevo xeracional e a xubilación dos socios fundadores. Esta vez farase cargo da xerencia Carlos Manuel Terán, fillo de Carlos, neto de Ricardo e bisneto de Félix Terán.

 

Agricentro na actualidade

A empresa Ricardo Terán S.L. (AGRICENTRO) ao longo da súa historia ofreceulles e síguelle ofrecendo aos seus cliente un servizo e asesoramento personalizado. Unha das cousas que mais valoran as persoas que están ao fronte da empresa é a fidelidade que amosa a clientela. Unha das cousas das que mais se senten orgullosos ao longo dos anos é o de  poder dar traballo a familias da comarca de Valdeorras . Na  actualidade a empresa conta con ONCE traballadores/as.

 

Páxina web: http://www.ricardoteransl.es/