8 abr 2013

Panadería "A Bicha", cinco xeracións de panadeiros

Panadería "A Bicha". O nome provén do mote familiar


Asociación de comerciantes e Industriais de Bueu - ACIBU

 

 

A Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu nace en 1987 baixo as siglas de ACIBU.

 

 

 

 

 

A vila de Bueu forma parte da comarca do Morrazo, situada na beira norte da península e bañada pola Ría de Pontevedra, onde se atopa a Illa de Ons, que forma
Parque Natural Illas Atlánticas - Ons
parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e atrae cada ano a centos de visitantes. O municipio conta cunha marabillosa riqueza natural: praias de augas cristalinas e area branca, panorámicas extraordinarias sobre o Atlántico, roteiros polas súas fragas, o espazo protexido de Cabo Udra…



É unha vila costeira na que a principal fonte de riqueza dende antigo é a pesca, cun pasado dourado coma un
Vista Bueu
dos portos máis importantes polo impulso da industria conserveira. Unha das fábricas acolle hoxe o destacado Museo Massó, un dos  máis importantes da península ibérica no eido da cultura mariñeira. Naceu froito das inquietudes culturais dos industriais cataláns Gaspar, José Mª e Antonio Massó. O seu interese pola historia da navegación lles leva a crear unha colección de libros imprimidos entre os séculos XV e XIX, instrumentos náuticos, cartografía, documentos e maquetas de embarcacións históricas que constitúen a alma desta colección.



Bueu segue a contar cun porto moi dinámico e cunha lonxa que realiza as subastas do polbo e o peixe variado pola tarde a partir das 17:00h. A Praza de Abastos, de
Praza de Abastos de Bueu
moita sona na comarca, abre pola tarde para vender o peixe da subasta. A calidade e frescura da materia prima é tal, que este mercado recibe a diario visitas dos municipios veciños. En canto a cidades máis grandes, sempre foi unha localidade moi ben conectada con Marín e coa capital da provincia, da que distan tan só 20km.



ACIBU naceu para agrupar ao sector servizos e defender os seus intereses, así como para dinamizar a economía local. Conta ao redor de 102 empresas asociadas (información dada polo CCA), na súa maioría comercio de proximidade, pero engloba practicamente todas as actividades.


É unha organización libre e politicamente independente, sen ánimo de lucro, cuia finalidade é a de representar, xestionar e defender os intereses dos seus asociados, atendendo ás súas necesidades de información, formación e asesoramento dentro do ámbito territorial de BUEU.


En 1992 ACIBU intégrase na Federación de Comerciantes  e Industriais do Morrazo (FECIMO) xunto coas asociacións de Moaña e Cangas (ACIMO e ACICA). Unifícanse as tres asociacións locais e a do Polígono Empresarial de Castiñeiras (AEPICAS), tamén da localidade de Bueu, en 2007.


As localidades de Bueu, Cangas e Moaña viven realidades moi similares, tres vilas mariñeiras das Rías Baixas con gran afluencia turística sobre todo no verán, e polas que a poboación circula buscando alternativas de ocio e compras á localidade de residencia. Trala unión impúlsanse campañas unitarias de éxito nos tres concellos, ademáis de acadar máis recursos e fomentar a formación e profesionalización do sector, adaptándose ás necesidades do mercado.


Coa unificación das asociacións, FECIMO converte a toda a Comarca do Morrazo nunha alternativa fronte as grandes áreas comerciais. Trátase de cuidar o comercio tradicional e a pequena empresa da comarca, potenciando as súas peculiaridades e características distintivas.


Colabórase con eventos que pola súas características sexan de especial interese para a sociedade, devolvendo a confianza que os veciñ@s do Morrazo poñen nas empresas asociadas.


Apóstase polo respeto ao medio ambiente con actividades nas que participan empresarios e clientes, nas que se poñen en valor os recursos naturais e patrimoniais da península, e creando un destino turístico de calidade.


ACIBU_Asociación de Comerciantes e Industriais de Bueu, nace cunha vocación integradora, plural e democrática, para defender os intereses de todo un sector, defendéndoo fronte institucións, organismos e entidades.

 

Páxina web: www.fecimo.es

 

 

Panadería "A Bicha", cinco xeracións de panadeiros  

 

A historia de Panadería A Bicha de Bueu, comeza alá polo ano 1860, cando os bisavós de Digna –actual responsable do negocio – rexentaron a primeira panadería do municipio.

 

  

Pais e avós de Digna

 

Os seus avós Francisco e Carmela tomaron o relevo, e posteriormente o seu pai Xeso e o tío Amador. Cando o pai de Digna finou, a súa nai Lola tomou o posto, e traballou moi duro pola panadería, tirando do negocio incluso en tempos de crise.

 

Digna, a maior de 8 irmáns, foi quen heredou a profesión e rexenta hoxe en día a panadería A Bicha, na que todos os irmáns botaron sempre unha man.

 

A esperanza de Digna están postas na quinta xeración, que ven pegando forte e moi animada a levar adiante o negocio familiar. Tomarán moi pronto o relevo, dado que xa están a traballar con ela e formándose incluso no estranxeiro.

 

Non é estrano que A Bicha continúe a ter éxito na vila de Bueu, vista a tradición panadeira do seu árbol xenealóxico. Outros membros da familia mesmo emigraron e montaron panaderías e pastelerías de renome noutras vilas.

 

 

OS COMEZOS

 

O nome tan peculiar que ten a panadería provén do mote familiar. Aos avós por parte paterna xa lles chamaban “os da Bicha”, e o nome perdurou ata hoxe, sen ningún sentido despectivo, senón como un mote cariñoso para identificar a unha familia moi querida en Bueu, á que Digna e as súas irmás están orgullosas de pertencer. Así que, por qué pensar en cambiarlle o nome ao negocio?

 

Carmela, avoa de Digna

Na época da Guerra Civil e Postguerra, cando existía o racionamiento, moitas familias mercaban coa cartilla na súa panadería. Os avós Francisco e Carmela, tan caritativos, facían a vista gorda cos máis necesitados e non lles importaba dar algunha peza de máis. Aínda se escoita dicir que “A Bicha matou moita fame en Bueu”

 

O negocio estivo aberto en diferentes lugares do centro de Bueu ao longo da súa historia. O obrador dos bisabós estaba na Rúa Castelao, o dos avós en Eduardo Vicenti, pasando despois a Montero Ríos, onde naceu Digna e os seus irmáns. E no ano 1953 inaugurouse a actual negocio na Banda do Río nº57, nunha casa que construíu seu pai Xeso.

 

Daquela en Bueu había moito bullicio, moito máis movemento do que hai hoxe en día. Os barcos ían e viñan…había moitos mariñeiros na vila e a fábrica de Massó estaba en pleno rendemento. O pan era máis apreciado e consumido. Digna lembra a gran cantidade de pan que tiñan que facer para os traballadores da fábrica, que deixaban a bolsiña de tela ben cedo pola mañá e pasaban a recollela á saída do traballo, sobre as 13:00h. Eran, segundo ela, “mareas de xente”. Moitos levaban co pan algo de chocolate que tamén se vendía en A Bicha.

 

Era tanta a demanda que ás veces tiñan que facer dúas fornadas ao día, tendo que cocer tamén pola tarde. Non só vendían para a xente da vila, senón que tamén o facían para fóra. Os barcos de bonito que pasaban días no mar, tamén lle encargaban pan. E cando non había aínda repartidores en automóbil, eran señoras con grandes cestos na cabeza as que repartían o pan polas aldeas. Incluso mandaban pan a Aldán e a Bon nos antigos autobuses “Cerqueiro”. E non esquezamos que por aquela época moitas familias vivían en Ons, así que pola Pascua ían os barcos cheos de roscóns para a illa.

 

O sábado de Pascua era unha festa en A Bicha. O forno de pedra traballaba a todo trapo para cocer os bandullos que a xente lles deixaba. Comezaban ás 7 da tarde e cocían ata que os veciños volvían da misa de media noite. A panadería estaba a tope de xente e os cativos da familia o pasaban en grande. Agora algúns maiores continúan a levarlle os seus bandullos, pero en menor medida.

 

Por aquela época atopar un panadeiro era tarefa difícil, e incluso o segue a ser hoxe en día. É un traballo sacrificado, sen días de descanso e cun horario nocturno, diferente a calquer outro. De feito A Bicha tiña panadeiros que viñan doutros municipios. Logo pasaban tanto tempo xuntos que xa se consideraban parte da familia.

 

 

A MODERNIZACIÓN

 

Forno de pedra que aínda se utiliza

O negocio da panadería foise adaptando aos tempos modernos e ás necesidades dos seus clientes. Pero no caso de A Bicha teñen algo moi especial que os diferencia do resto: o forno de pedra e leña que aínda segue en funcionamento e dos que as outras panaderías do Morrazo se foron desfacendo coa chegada dos fornos eléctricos. Pódese dicir que é o único que queda traballando na zona.

 

Antigamente amasaban a man, eran os fortes panadeiros quen o facían en grandes artesas de madeira. Así foi ata os anos 50, cando abriron o actual obrador da Banda do Río e chegaron as máquinas.

 

Nos 60 chegou o forno eléctrico para axilizar o cocido do pan, aínda que nunca quixeron deixar de traballar co forno de pedra que aínda que é máis lento e difícil de traballar, da un resultado que os seus clientes aprecian.

 

Máis tarde chegaron a pesadora e a formadora, que agora mesmo tampouco se utilizan en favor dun pan máis artesano.

 

Digna e sobriña

 

En canto ao consumo, afirman que hoxe en día non se vende tanto pan como noutras épocas, pero o negocio segue adiante. Reparten diariamente a bares e restaurantes, sobre todo pan e empanada e incluso tartas.

 

 

 

A FILOSOFÍA. Máis de 150 anos de historia

 

Os produtos que se atopan na panadería A Bicha son exclusivos, totalmente naturais, feitos coas mellores materias primas e as receitas das antigas xeracións, que Digna heredou e pon en práctica en pan e pasteis.

 

A súa familia foi pioneira facendo empanadas de mazá, moi solicitadas na vila, e contan con productos estrela como os riquísimos brazos de gitano, roscóns, melindros, cocos, empanadas de millo...

 

Como valor engadido, Digna elabora os domingos unhas pezas de pan especiais ás que lle bota moita imaxinación. Ela di con moita gracia que o fai para saber que é domingo, xa que fai pan todos os días. Ten formas moi orixinais: uns parecen polbos, outros nécoras, outros tartarugas… sempre diferentes. A masa tamén ten un toque distinto ese día. Sen dúbida os veciños os aprecian moito e sempre queda sen eles.

 

 

Lola, nai de Digna

Os clientes valoran o seu xeito tradicional de traballar e a confianza demostrada ao longo de máis de 150 anos de servizo. En todos estes anos, esta non é a primeira homenaxe que reciben. No ano 2006, Lola a nai de Digna, recibiu un recoñecemento por parte do Concello de Bueu o día da muller traballadora e a prensa recolleu a súa historia nunha reportaxe.

 

 

O FUTURO

 

Digna e sobriña

A quinta xeración de panadeiros xa está en marcha. Aínda que con outros estudios e oficios, ven no negocio familiar unha opción de futuro. Uns xa están a traballar con Digna para tomar o relevo, mentres outros continúan formándose para renovar a panadería e adaptala ás novas técnicas e a aquilo que os clientes demandan.

 

A pesar dos tempos difíciles que se están a vivir, Digna é optimista co porvir que lle agarda á panadería familiar, e síntese orgullosa de que os novos sigan a loitar por ela. Haberá que adaptarse e especializarse, aprendendo cada día.

 

Aínda así, Digna e as súas irmás puntualizan que falta xente que se adique a este oficio e que sería bo fomentar a aprendizaxe deste traballo entre os xóvenes.

1 abr 2013

Ricardo Terán, S.L. Agricentro, tres séculos facendo empresa de xeración en xeración

Ricardo Terán, S.L. Catro xeracións á fronte do negocio

 

Asociación Centro Comercial Aberto O Barco

 

A ASOCIACIÓN DE COMERCIANTES, EMPRESARIOS, PROFESIONAIS E AUTÓNOMOS DO CENTRO COMERCIAL ABIERTO DE O BARCO DE VALDEORRAS constituíuse  o día 25 de marzo de 2004.

 

O órgano de goberno provisional da Asociación foi a xunta xestora. O día 1 de xullo de 2004 tivo lugar a presentación pública da imaxe corporativa do CCA.

O día 10 de agosto de 2004 iniciouse a campaña de lanzamento de O BARCO CENTRO COMERCIAL ABERTO mediante a identificación dos establecementos asociados, a instalación de elementos de mobiliaro urbano publicitario (Mupis). 

 

Dende entón puxemos en marcha distintas acción promocionais coas que pretendemos dar a coñecer a vila e atraer a visitantes, destacamos pola súa importancia a produción e emisión dun spot publicitario, co que conseguimos que a nosa vila galega chegara por primeira vez á televisión.

A finais de 2007 puxemos en marcha unha campaña promocional coa que tratamos de concienciar aos nosos veciños da importancia de investir na vila e na comarca para fomentar o seu desenvolvemento e para poñer en valor as potencialidades da zona.

A área de delimitación do Centro Comercial Aberto é a localidade de O Barco de Valdeorras e o conta actualmente ao redor de noventa socios (información dada polo CCA) pertencentes aos sectores alimentación, beleza, hostalería e restauración, complementos , moda, servizos, zapatos fogar e saúde.

 

ACCIÓNS PROMOCIONAIS

  • Emisión de Spot publicitario

  • Campaña de posicionamento

  • Pasarela de moda

  • Actividades dirixidas ao público infantil

  • Distintivo de calidade do comercio

  • Revitalización da festa dos Maios

  • Campañas de fidelización de clientes

PRESIDENCIA E XERENCIA

Presidente: Manuel Miranda.

Xerente: Marta Fernández Sánchez.

 

http://www.obarcoccaberto.com 

 

 

Ricardo Terán, S.L. Agricentro, tres séculos facendo empresa de xeración en xeración

 

Ricardo Terán Arias

 

 

Ricardo Terán S.L é unha tradición, son catro xeracións á fronte do negocio con un espírito emprendedor e de continuidade , tres séculos de por medio.

 

 

 



Tenda orixinal

Trátase dunha empresa que nace no século XIX (1881) e que logra saír adiante a pesar do tempos difíciles, chegando ata os nosos días tras experimentar cambios na súa denominación e diversificación nas súas actividades para adaptarse aos novos tempos.

 

As súas orixes: Procedente de Cantabria, Félix Terán Gómez chegou a traballar como xefe de equipo na construción da liña de ferrocarril. En Valdeorras coñece a unha moza chamada  Balbina Arias Moral, coa que casa e se establecerse definitivamente na localidade de O Barco. 

 

Ambos deciden abrir un pequeno comercio e panadería na rúa San Roque da localidade de O Barco. Este pequeno comercio será o inicio do que hoxe son as empresas dos irmáns Terán.

 

Transcorridos vinte anos Félix Terán falece de forma repentina; será entón cando a súa viúva se fai cargo do negocio familiar durante anos coa axuda dos seus seis fillos.

 

Ricardo Terán Arias - A seguinte xeración: Ricardo e Félix, os dous fillos de Balbina que están ligados ao negocio familiar, continúan xuntos durante algúns anos.

 

Félix decide seguir cos negocios independentes mentres que Ricardo Terán Arias anímase a  trasladar o comercio da súa nai a una rúa mais céntrica e transitada da localidade barquense, a Rúa Nova (hoxe Doctor Pérez Lista). Alí abre unha tenda de “froitos do pais” na que foi pioneiro na venda de cereais, abonos e pensos, entre outros produtos. 

 

Irmáns Terán inaugurando as instalacións reformadas

Relevo Xeracional e ampliación da empresa: Aínda que os fillos de Ricardo Terán Arias – Ricardo e Carlos Luis – están vinculados ao negocio familiar dende os anos cincuenta e sesenta respectivamente, non é ata comezos dos setenta cando se fan cargo da empresa trala xubilación do seu pai. Comeza entón unha etapa de continuas ampliacións na empresa, construíndo primeiro una nave de 3000 m2 para almacenamentosituada en La Puebla co fin de ofrecer un mellor servizo aos seus clientes, que se dedicará  ao comercio por xunto de cereais, fertilizantes e pensos , actividades coas que os fillos continuaron ata a data de hoxe. 

 

Paralelamente a esta actividade, os irmáns Terán constitúen tamén unha empresa de transporte de mercadorías por estrada. 

 

Na década dos noventa deciden ampliar o negocio, xa baixo a denominación de Ricardo Terán S.L; venden animais de compaña, pensos compostos, produtos agro – gandeiros … Acometen a reforma da tenda de Doctor Pérez Lista  ademais da apertura de outra nova la localidade veciña de A Rúa, ambas denominadas AGRICENTRO.

 

A venta neste tipo de novo establecemento (AGRICENTRO), cambia a forma, por tratarse de  auto – servizo, sendo pioneira da venta de este tipo de artigos na Comarca.

 

Diversificación e novo relevo xeracional: Ricardo e Carlos Terán continúan coa diversificación do negocio como consecuencia do cambio de actividades na comarca de Valdeorras. 

 

Seguindo coa política de expansión, no ano 2002 prodúcese a apertura de Garden Sil, na cabeceira da nave que teñen en La Puebla, trátase dunha tenda de 500 m2 dedicada a todo o relacionado coa xardinería, desde produtos e adornos ata “barbacoas”, fontes de auga ou mobles de exterior, ademais de continuar tamén co xénero relacionado co sector agro - gandeiro.

 

O paso do tempo marca a diversificación e tamén o relevo xeracional e a xubilación dos socios fundadores. Esta vez farase cargo da xerencia Carlos Manuel Terán, fillo de Carlos, neto de Ricardo e bisneto de Félix Terán.

 

Agricentro na actualidade

A empresa Ricardo Terán S.L. (AGRICENTRO) ao longo da súa historia ofreceulles e síguelle ofrecendo aos seus cliente un servizo e asesoramento personalizado. Unha das cousas que mais valoran as persoas que están ao fronte da empresa é a fidelidade que amosa a clientela. Unha das cousas das que mais se senten orgullosos ao longo dos anos é o de  poder dar traballo a familias da comarca de Valdeorras . Na  actualidade a empresa conta con ONCE traballadores/as.

 

Páxina web: http://www.ricardoteransl.es/

 

 

 

25 mar 2013

Ferretería Julio Rico, un dos negocios máis veteranos de Vigo

Ferretería Julio Rico, negocio centenario da cidade de Vigo

 

Asociación de Comerciantes e Hosteleiros Vigovello CCA

 

A Asociación de Comerciantes e Hosteleiros Vigovello naceu no ano 1997. Actualmente integra ó redor do 70% dos locais comerciais e hosteleiros do Casco Vello de Vigo.

 

Estamos compostos por 159 asociados (información dada polo CCA) contando ao Mercado da Pedra e ao Mercado do Berbés coma uns socios individuais.

 

Durante todo o ano estamos continuamente a dinamizar o barrio con constantes Campañas destinadas ao Comercio:

  • Primeiro sábado de cada mes: “Feira. Mercado de produtos tradicionais galegos”

 

  • Segundo sábado de cada mes: “O Rastro Portovello”,é un mercado de segunda man e artesanía que ten lugar nas rúas e nos locais do casco vello de Vigo os segundos sábados de cada mes.  

 

  • Puntualmente, ofrecemos talleres, obradoiros (Samain, Nadal,Entroido, as estacións do ano, Día das letras Galegas, etc) e ludotecas para os nenos/as que haxan mercado nos comercios asociados.

 

  • Campaña para todos os colexios de Vigo, públicos ou concertados con educación infantil e primaria. “Coñece o teu comercio, coñece a túa historia” e “Peixe, pesca e alimentación saudable. Mercado do Berbés”

 

 

 

-Rutas teatralizadas

 

 

 

 

 

 

 

Ó mesmo tempo ofrecemos campañas específicas en datas sinaladas


  • ·  Nadal


  • ·  Entroido


  • ·  Día de San Valentin


  • ·  Día do Pai


  • ·  Día da Nai


  • ·  Rebaixas de verán


  • ·  Rebaixas de inverno

     

    www.facebook.com/vigovello.cca.5 

    twitter.com/VigovelloCCA 

     

     

     

    Ferretería Julio Rico, un dos negocios

    máis veteranos de Vigo 

     

    A principios do século XX, unha familia orixinaria de Medina del Campo interesábase na cidade coa idea de embarcar cara as Américas (Puerto Rico), pero debido ao empuxe e o rápido desenvolvemento da urbe failles cambiar de opinión y acaban ubicándose no Casco Vello de Vigo, por aquel entón o único barrio da cidade.

     

    A enorme prosperidade da zona e a explosión da industria foron o contexto perfecto para os planes da familia que ampliou os seus negocios á actual Ferretería Julio Rico (antiga Cacharrería) e a outros establecementos de mobles e menaxe ubicados pola zona que, na actualidade, xa non existen.

     

    Despois de que os herdeiros de Julio Rico, a segunda xeración, se fixesen cargo dos negocios familiares durante un breve periodo, éstes foron traspasando ata que en 1975 Manuel Germán Rodríguez Lorenzo, retornado da emigración compra a Ferretería.

     

    Na actualidade, as súas fillas Fina e Pilar continúan ó frente de Julio Rico, o único de todos os establecementos orixinais que todavía segue en activo.

     

    Deste xeito, péchase un ciclo entre os fundadores do negocio, convencidos de que a emigración era a clave e o seu último propietario, Manuel Germán, retornado de Río de Janeiro que conseguiu levantar e manter un negocio emblemático e centenario da cidade de Vigo .