21 ene 2013

"Moda Hogar", tres xeracións de comercio tradicional en Moaña

Actualmente "Moda Hogar": De ultramarinos ao textil, especializándose  finalmente na rama do tecido do fogar 

 

Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña - ACIMO: dinamizador da economía e da sociedade de Moaña

   






A Asociación de Comerciantes e Industriais de Moaña nace en 1983 baixo o nome de Agrupación do Pequeno Comercio e Hostalería. Situada no paraíso das Rías Baixas, O Morrazo, e bañada pola Ría de Vigo en toda a súa extensión, Moaña convértese nun gran atractivo turístico para os visitantes. Situada a un paso da Ponte de Rande, conecta moi ben con Vigo e Pontevedra, ofrecendo un lugar de relaxación e ocio moi preto das grandes cidades.





ACIMO ten un papel dinamizador da economía e da sociedade de Moaña. Conta ao redor de 136 empresas asociadas (información dada pola asociación), na súa maioría comercio de proximidade, pero que engloban practicamente todas as actividades.

É unha organización libre e politicamente independente, sen ánimo de lucro, cuxa finalidade é a de representar, xestionar e defender os intereses dos seus asociados, atendendo ás súas necesidades de información, formación e asesoramento dentro do ámbito territorial de Moaña. 

Realizan estudos de mercado, levan a cabo campañas de promoción comercial e serven de órganos de unión e coordinación entre os seus membros defendendo os seus intereses en temas de incidencia local e comarcal.

En 1992 ACIMO intégrase na Federación de Comerciantes  e Industriais do Morrazo (FECIMO) xunto coas asociacións de Bueu e Cangas (ACIBU e ACICA)

O proxecto de unificación das 3 asociacións locais e a do Polígono Empresarial de Castiñeiras (AEPICAS) en 2007, responde a unha situación lóxica, posto que os 3 Concellos viven unha mesma realidade; esta fusión sirve, neste contexto, para acadar máis recursos, fomentar a formación e impulsar campañas de promoción unitarias, todo elo sen esquecer a defensa fronte as grandes áreas comerciais.


Neste senso, trátase de coidar o comercio tradicional e a pequena empresa da comarca, potenciando a recuperación da ilusión, cambiando a dinámica de derrotismo pola adaptación ás novas situacións e tendencias de mercado.

Así mesmo, as asociacións adoptan medidas de Responsabilidade Social para minimizar o seu impacto sobre o contorno e maximizar os efectos positivos da súa xestión.

Apóstase firmemente pola cultura do Morrazo, colaborando e apoiando diversidade de eventos que polas súas características sexan de especial interese para a sociedade, devolvendo en parte a confianza que os veciñ@s do Morrazo poñen nas empresas asociadas.

As empresas aséntanse nunha zona moi rica biolóxica e geologicamente no sur das Rías Baixas, por iso se aposta tamén polo respecto e o compromiso co medio ambiente.

Coa implantación da política “Comprometidos co noso contorno” lévanse a cabo actividades que poñen en valor os recursos naturais da zona, como por exemplo a realización de roteiros polos montes e contornos de Moaña, e actividades que buscan concienciar ás empresas de que o respecto e coidado da natureza é un activo que xoga a favor de tódolos habitantes do Morrazo.

Nos últimos tempos por exemplo favoreceuse a sustitución das tradicionais bolsas plásticas nos establecementos asociados por outras de plástico biodegradable, e posteriormente de papel 100% reciclado e reutilizable.

Dende ACIMO, Agrupación do Pequeno Comercio e Hostalería de Moaña, fieis ós principios históricos do asociacionismo e defensa dos intereses do sector, pártese dunha vocación integradora, plural e democrática, constituíndose no interlocutor e defensor dos intereses comúns do sector fronte institucións, organismos e entidades. Traballarase para   lograr  o  total recoñecemento do sector en todos aqueles foros onde se traten temas que nos afecten,  consensuando as inquedanzas dos seus asociados, baixo os principios democráticos de participación.

Páxina web: www.fecimo.es

 

"Moda Hogar", tres xeracións de comercio tradicional en Moaña 


Falamos con Xan Cancelas, responsable de “MODA HOGAR” en Moaña, quen nos conta a historia profesional da súa familia, á fronte de establecementos comerciais dende tres xeracións atrás.



“A de Benina”.


Coa axuda dos seus recordos e o que lle tiña contado a súa nai, cóntanos que alá polos anos 30 e antes do estalido da Guerra Civil en España, a súa avoa Benigna daba comidas nun establecemento onde probablemente tamén se vendían ultramarinos, cousa que non pode asegurar unha vez pasado tanto tempo…

Alí adoitaban comer membros da Guardia Civil. Un deles, de nome Julio, salvou ó avó de Xan Cancelas do paseillo final dos “falanxistas” que actuaban con total impunidade naqueles días, advertindo a Benigna de que o seu home fora elexido para ser pasado polas armas aquela mesma noite, na que José ía desaparecer de Moaña. Esta historia, transmitida a Xan nos seus anos mozos e máis reivindicativos, ensinoulle que se pode atopar xente boa en todas as profesións a pesar dos prexuízos que un poida ter.


Pasada a Guerra Civil, o local convértese nunha tenda de ultramarinos típica naqueles tempos, na que había de todo. Aquel local rexentado por Benigna Piñeiro Jalda na rúa Concepción Arenal, sería recordado para sempre en Moaña como “A de Benina”.

Máis ou menos no 1952, María Collazo Piñeiro, filla de Benigna, xa cosía “para fora”, cando a súa nai decide montarlle un local anexo ao ultramarinos, comunicado por unha porta interior. O comercio era un conxunto de mercería, lencería, telas, moda, un comercio menos especializado que as tendas actuais, con todo tipo de produtos relacionados co textil, que se ben non se atopaban en tenda, se preocupaban de conseguilos.



María Collazo decide a principios dos anos 70 trasladar o seu comercio de textil á rúa Ramón Cabanillas, paralela a Concepción Arenal, xusto por detrás. Ademais de levar a mercería neste novo local vendía máquinas de coser e ensinaba a coser e bordar.




“MODA HOGAR”


Polo ano 1979, Xan Cancelas decide con 20 anos incorporarse ao negocio. Escolle potenciar unha das ramas da empresa, a dos tecidos do fogar: cortinas, alfombras, etc.


Nun primeiro momento faino no local da súa nai, en Ramón Cabanillas, pero entre 1981 e 1982 reabre o local da rúa Concepción Areal, dedicado exclusivamente ao fogar, e adopta un nome comercial : “MODA HOGAR”. Este emprendemento supón para a súa familia a terceira xeración adicada ao comercio tradicional e de proximidade.


Do local anexo, o orixinal de ultramarinos, se foi facendo cargo outra filla, chamada tamén Benigna, ata aproximadamente 1988 cando se ve obrigada a pechalo por enfermidade.


Cara o ano 2000 María Collazo xubílase e Xan Cancelas pasa a rexentar tamén a mercería de Ramón Cabanillas xunto coa súa muller, Lola, ocupándose dos dous negocios. E así, ata o día de hoxe.


Pouco a pouco o negocio foise adaptando aos tempos modernos e á demanda, ofrecendo novos servizos como o proceso completo de colocación de cortinas para o fogar. Souberon adaptarse aos modelos de negocio que funcionaban.


Nunca fixeron grandes reformas nos seus establecementos, continuando sen grandes cambios coa imaxe de comercio tradicional que os seus clientes coñecen.



O seu valor engadido é a proximidade cos cidadáns, a seriedade coa que traballan e a confianza construída co seu traballo ao longo de tantos anos.

Xan confesa que foi unha actividade que comezou sen un proxecto empresarial por detrás, que se basea no esforzo de traballadores autónomos que tomaron o negocio e foron capaces de seguir adiante e xerar traballo como para crear outros postos. O seu principal obxectivo hoxe en día é manter os postos de traballo na súa empresa, por riba doutras reformas. Este comerciante moañés, con tradición comercial na súa familia, pensa que a sociedade “ten que ser algo máis que números, teñen que contar as persoas”.


En canto lle preguntamos polas novas tecnoloxías, fálanos dun primeiro intento para construír a súa páxina web, un paso difícil debido á falta de estocaxe no seu comercio. Aínda así, non descarta nun futuro próximo lanzarse a abrir unha páxina de Facebook, onde él xa ten un perfil propio.

Pedímoslle sacar unhas fotos do seu establecemento en Concepción Arenal, a zona comercial por excelencia da vila de Moaña, debido á súa proximidade ao Mercado Municipal e á zona do Paseo Marítimo. E despedímonos tras facer unha breve visita á mercería de Ramón Cabanillas que agora atende a súa esposa.





No hay comentarios:

Publicar un comentario