3 jun. 2013

Indalecio Moda, dende 1860 vendendo calidade en Cangas

Indalecio moda, un referente de prestixio e confianza


Asociación de Comerciantes e Industriais de Cangas (ACICA), intégrase na Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO)





A Asociación de Comerciantes e Industriais de Cangas nace en 1983 baixo as siglas de ACICA. A vila de Cangas, con fama de “pueblo encantador” como reza o seu himno, forma parte da comarca do Morrazo e se atopa situada na parte sur e máis occidental.




É unha vila de tradición mariñeira, bañada en parte pola Ría de Vigo e aberta ao Océano Atlántico nos acantilados da Costa de Soavela, unha vez sobrepasado o coñecido faro de Cabo Home e fronte a fermosa panorámica das Illas Cíes.


Ata o segundo tercio do século XX extendeuse en Cangas a transformación da pesca como principal actividade económica. Esta vila foi base da flota baleeira, sede da única factoría de despiece de cetáceos de todo o sur de Galicia. Foi ata principios dos anos 80, na factoría Massó Hermanos, sita no Salgueirón, a máis grande de Europa en transformación de peixe. Asimesmo contábase con outras empresas de salazón que funcionaron ata finais dos 60 noutros lugares do municipio como Nerga ou Pipín.

O núcleo urbano está articulado en dous Barrios: O Costal, o máis antigo, da época medieval, e O Sinal, que comeza na Rúa Real (onde se atopa a igrexa ex-colexiata de Santiago de Cangas) e que segue pola ribeira ata o Concello.

No centro reina a Praza de Abastos, un edificio conservado coa súa singular arquitectura, que recibe a locais e visitantes na súa compra diaria de peixe fresco, verduras, hortalizas, carnes...

Ao seu arredor atopamos lugares moi concurridos: a Alameda de Vincenti, o Paseo de Castelao, a Avenida Eugenio Sequeiros chea de vida coas súas terrazas, e os Xardíns do Sinal e o Paseo Marítimo onde as familias disfrutan do tempo de lecer.

Moi preto atópase o porto de pasaxe que conecta Cangas co porto de Vigo en tan só 20 minutos e que dende moi antigo supón unha importante via comercial e de transporte de traballadores.


Cangas, panorámica


Cangas sempre recibiu unha gran afluencia de turistas de todas as partes de Galicia e mesmo doutros puntos de España, sobre todo pólas súas fermosas praias. As parroquias de Hío, Aldán e Darbo contan con recoñecidos areais e interesantes rutas de sendeirismo que percorren o patrimonio natural e histórico da zona e que son visitadas cada ano por milleiros de persoas.

ACICA_Asociación de Comerciantes e Industriais de Cangas, naceu para agrupar ao sector servizos e defender os seus intereses, cunha vocación plural e democrática, así como para dinamizar a economía local. Conta con 232 empresas asociadas, na súa maioría comercio de proximidade, pero engloba practicamente todas as actividades.

É unha organización libre e politicamente independente, sen ánimo de lucro, cuia finalidade é a de representar, xestionar e defender os intereses dos seus asociados, atendendo ás súas necesidades de información, formación e asesoramento dentro do ámbito territorial de Cangas.

Cangas, vista aérea
En 1992 ACICA intégrase na Federación de Comerciantes  e Industriais do Morrazo (FECIMO) xunto coas asociacións de Moaña e Bueu (ACIMO e ACIBU). Unifícanse as tres asociacións locais e a do Polígono Empresarial de Castiñeiras (AEPICAS), tamén da localidade de Bueu, en 2007.

As localidades de Bueu, Cangas e Moaña viven realidades moi similares, polo que trala unión impúlsanse campañas unitarias de éxito nos tres concellos, ademáis de acadar máis recursos e fomentar a formación e profesionalización do sector, adaptándose ás necesidades do mercado.

FECIMO converte a toda a comarca do Morrazo nunha alternativa fronte as grandes áreas comerciais, tratando de mimar o comercio tradicional e a pequena empresa da comarca e amosando as características distintivas que lle dan un valor engadido. Celébranse, por outra parte, eventos de carácter anual nas tres vilas, de interese para os consumidores locais e visitantes foráneos.

Apóstase polo respeto ao medio ambiente con actividades nas que participan empresarios e clientes, nas que se poñen en valor os recursos naturais e patrimoniais da penísnula, e creando um destino turístico de calidade.


Páxina web: www.fecimo.es



Indalecio Moda, dende 1680 vendendo calidade en Cangas


No centro a fundadora Petronila. Arriba Modesta e Indalecio
Estamos na Avenida de Vigo en Cangas, actual emplazamento do comercio Indalecio Moda, falando con Chus García García-Brabo, actual xerente da empresa, quen nos comenta que foi alá polo 1860 cando a súa bisavoa Petronila e o seu marido Miguel abriron unha pequena tenda de tecidos na Avenida La Marina, agora chamada Eugenio Sequeiros. Ela foi a fundadora, Petronila, quen ademais traballaba realizando encargos para fora do municipio cunha máquina de coser industrial.


Alameda de Vicente e ao fondo a  casa onde se atopaba Indalecio
En 1906 foi construída a casa de Eduardo Vincenti, que albergaría a tenda onde traballaron Modesta, a filla de Petronila, e Indalecio, o xenro, ao que se lle debe o nome da empresa que permanece ata hoxe. O comercio estivo aberto neste emplazamento ata o ano 2007, cando se tirou abaixo para ser reconstruída.

Alameda de Vicenti e Praza de Abastos
Modesta e Indalecio comezaron con diversas actividades no seu negocio, no que destacaba a pañería de cabaleiro: tecidos para confeccionar traxes para home. Daquela era o home o que gastaba en moda e se preocupaba por vestir ben, moito máis que a muller. O producto era excelente e mesmo os industriais de Barcelona que se acercaban a Cangas, se asombraban da súa calidade.

Por aqueles tempos tamén vendían tecidos para o fogar e “paquetería”, o que sería roupa interior e artículos de mercería.

Curso de máquinas Singer, 1940

Indalecio, pola súa parte, adicábase a outros negocios ademais do comercio. Era representante das máquinas de coser Singer e organizaba concurridos cursos de confección e bordado en Cangas aló polos anos 1940.


Ademais era él quen “levaba” as sucursais de diferentes bancos dende os seu comercio, dado que non existían estas oficinas na vila. Facía o papel dun comercial, encargado de cobrar as letras de empresas canguesas que despois depositaba en Vigo.

Posteriormente chegaron Miguel e Lourdes, os pais da actual xerencia. Continuaron co negocio da moda vendendo tecidos cos que as modistas da vila
confeccionaban os traxes. Nesta época introduciron a venta do calzado como complemento.

A 4ª xeración chegou no ano 1965 cos irmáns García García-Brabo, primeiro foi Lourdes e despois fóronse agregando o resto, Indalecio primeiro e por último Chus.
Non foi ata finais dos anos 60 cando comezaron a chegar a Indalecio Moda as prendas confeccionadas, comprando directamente a fábricas de moda de home e muller.

A partir dos 70’s aseguran que os consumidores cambiaron a súa mentalidade. De feito Cangas tivo a vantaxe de ser un porto de mar: a eles chegan antes as novidades e os cambios sociais son máis rápidos que no interior. Aínda sendo un pobo pequeno, en Cangas comezáronse a vende moito as prendas confeccionadas e Indalecio Moda deixou de vender tecidos, cousa que xa non se demandaba. A muller tomou o protagonismo da moda nos 70 e 80 produciuse un boom na industria que Chus García percibiu tamén na súa tenda.

Comezaron a asistir a feiras de moda en España (Barcelona e Madrid) e Europa (París, Milan e Florencia), adquirindo para Indalecio Moda as tendencias de cada tempada. Tamén se especializaron en traxes de festa e son tamén un referente en noivos e madriñas.

A clientela do seu negocio é local pero tamén recibe clientes de fora do município que acuden á súa tenda para adquirir produtos de calidade, sendo Indalecio Moda un referente de prestixio e confianza. Esa é a súa seña de identidade, xunto co coidado que poñen nas prendas e as adaptacións que realizan para o cliente. Máis de 150 anos de experiencia os avalan, e o seu servizo e atención é moi valorado.

No ano 1994, Indalecio Moda abriu unha tendaespecializada en moda xoven na avenida Eugenio Sequeiros, baixo o nome de LurMi (formado cos nomes dos pais de Chus, Lourdes e Miguel). Trátase dun comercio con marcas como Levis, Chevignon, Miss Sixty, Custo, Dockers, etc.

Na opinión da actual xerencia, o sector da moda está a ser moi afectado polo sistema de globalización, e non se valora a calidade nin o proceso de fabricación. Os consumidores non perciben, en palabras de Chus García, que “o barato lles sae caro”.

Confía, por outra parte, en que a 5ª xeración, os fillos de Lurdes e os de Indalecio, continúen co negocio familiar coa mesma ilusión que os seus antepasados.


No hay comentarios:

Publicar un comentario