12 ago 2013

Librería Cándido, dende o ano 1904

Cándido González Tarrío, inicia a súa andadura no ano 1904


Asociación Rianxeira de Empresarios
- CCA de Rianxo Comercio Unido -

O Concello de Rianxo, berce de ilustres xuntadores de palabras como Castelao, Rafael Dieste e Manoel Antonio entre outros, agóchase no fondo da Ría de Arousa xusto onde o río Ulla se atopa co mar.


Neste concello, eminentemente mariñeiro, constituíuse no ano 1988 a Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE) cuxos obxectivos sociais avogan pola representación, promoción e defensa dos intereses económicos, sociais, profesionais e culturais de todos os seus asociados e da comunidade na que estes se integran.


Na ARE agrúpanse numerosos empresarios e traballadores autónomos concienciados na importancia da unión e da participación colectiva e cooperativa de todos eles para exercer unha loita común polos seus intereses e acadar un tecido empresarial, forte e consistente, capaz de xerar riqueza e mellorar o nivel e a calidade de vida de todos os rianxeiros.


No ano 2005 creouse, dentro do seo da ARE, o CCA de Rianxo Comercio Unido co que se pretende, desde entón, fomentar a unión do pequeno comercio rianxeiro baixo unha imaxe común, dinamizalo, revitalizalo e configuralo como un espazo moderno e atractivo e promover o seu fortalecemento ante a ameaza das grandes áreas comerciais cada vez máis numerosas e próximas.


Baixo a imaxe común do CCA de Rianxo Comercio Unido intégranse unha gran variedade de establecementos comerciais e de servizos: alimentación, roupa e calzado, xoias, téxtil para o fogar, electrodomésticos, materiais de construción e ferraxería, droguería, efectos navais, informática, libros, xoguetes, estética e perruquería, asesoría, seguros, hostalería, etc.Todos os asociados colaboran e participan nas distintas actividades de dinamización e promoción comercial que se levan a cabo co fin de atraer e fidelizar clientes e incentivar e potenciar o consumo na área comercial propia do CCA.


Ademais das actividades de dinamización e promoción comercial que se realizan cada ano a ARE e o CCA Comercio Unido organizan, cada 25 de xullo, a Festa da xouba de Rianxo que este ano 2013 celebrou a súa XXI edición e coa que se pretende divulgar e promocionar a gastronomía e a cultura rianxeira.


Páxina web: http://empresariosderianxo.com/



Librería Cándido, dende o ano 1904


Aínda que creemos que realmente sucedeu antes, baseados en datas de documentos no noso poder impresos no propio negocio, podemos asegurar con toda certeza que alá polo ano 1904, Cándido González Tarrío iniciaba a andaina, poñendo en marcha unha pequena tenda que rexentou axudado pola súa esposa Carmen Rañó Pais.


Anagrama orixinal de LA COLMENA

O establecemento pasou a denominarse A COLMEA, e malia a súa modesta capacidade, vendeu todo xénero de produtos, desde agullas, fío e pezas, ata carburo para as lámpadas caseiras de iluminación. Libros e material de papelaría figuraron sempre entre os artigos postos a disposición dos clientes. Case desde os comezos, contou coa única imprenta instalada en Rianxo, e realizou pequenos e variados traballos (impresos, folletos, estampas, noticiarios locais…), limitados todos eles ao uso de máquinas manuais e a procesos de elaboración exclusivamente artesanais.


A actividade de venda desenvolveuse nun pequeno local que ocupaba a planta baixa da casa situada no “Campo de Abaixo”, propiedade de Cándido.

Cuberta anterior e posterior do noticieiro local: Rianjo Comercial nº 4, editado por Cándido González












Local na planta baixa de LA COLMENA

No ano 1955, SARA GONZÁLEZ RAÑÓ, filla de Cándido, fíxose cargo da tenda. Con dedicación, e axudada polo seu marido MARTÍN GÓMEZ RODRÍGUEZ, logrou conservar o conseguido e á vez emprender novas actividades comerciais. Abriu unha sección de confección e venda de pezas de punto. 


Desprendeuse da maquinaria de imprenta, para potenciar no seu lugar as vendas de Libraría, Prensa e Papelaría.



Baixo comercial de CASA CANDIDO

Neste período, o establecemento pasou a denominarse CASA CÁNDIDO. Para facilitar a execución das obras de rehabilitación e adición dunha planta, a tenda foi trasladada temporalmente á casa de Rúa do Medio 33, en cuxo baixo (posteriormente Comercial A Morocha e actualmente Administración de Lotarías) efectuáronse as vendas durante os anos 1975, 1976 e 1977. Finalizada a reforma, o comercio reinstalouse no seu anterior domicilio. 


No ano 1985, MARTÍN R. GÓMEZ GONZÁLEZ, fillo de Sara, con axuda da súa esposa TERESA TUBÍO RODRÍGUEZ, foi o encargado de recoller as rendas do negocio. Resultou esta unha fase de notorio crecemento, xa que se engadiron novas seccións de vendas. Nos anos 1987 e 1990, Libraría Cándido editou as guías de RIANXO e POBOA DO CARAMIÑAL. Publicou tamén cartafois de fotos antigas e tarxetas postais. 


Sen perder o seu carácter familiar, no ano 1993, o negocio transfórmase en Sociedade Limitada, que pasa a denominarse ANDAINA, S.L., en referencia á súa longa andaina; no entanto, en recoñecemento ao seu iniciador, o establecemento mantén o nome de Libraría Cándido como razón comercial. A Federación de Empresarios do Barbanza concedeulle o Dolmen de Ouro no ano 1995.


Coa anexión e conexión dun local contiguo na Rúa do Medio, amplíase o espazo de venda en 2001, lográndose con iso dobrar a superficie da tenda e ampliar o abanico de artigos comercializados. A actividade desenvolveuse con diversas seccións: Libraría, Prensa, Material escolar, Papelaría, Manualidades, Carnaval, Nadal, Máquinas de oficina, Imprenta, Copistería, Encuadernación, Plastificado, Telefax, Juguetería, Agasallo, Praia, Náutica, Publicidade impresa. 



Baixo comercial de ANDAINA, S.L. modernizado


A finais do ano 2007, por xubilación de Martín Gómez, faise cargo da xerencia o seu fillo PABLO J. GÓMEZ TUBÍO, que continúa desenvolvendo o negocio de ANDAINA, S.L. na liña xa establecida.




Interior actual da tenda


Como a tantos, a actual situación económica afectou tamén a Libraría Cándido, que soportou unha importante caída das vendas. Foi preciso pois prescindir do local alugado, que se pechou a finais de 2012.



Interior actual da tenda

Previamente, realizáronse obras de modernización no local propio, con sustitución de toda a carpintaría exterior, adaptación e renovación de mobiliario e equipos informáticos. E tamén, en consecuencia, reagrupáronse e reduciron as seccións de venda. 


Catro son as xeracións que pasaron por Libraría Cándido (orixinariamente A Colmea). Non nos cabe dúbida de que foi pioneira do comercio rianxeiro. Ao día de hoxe, alcanzou e superado o centenario dos seus comezos.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario