25 nov 2013

Óptica Martínez Pardo, inicia a súa actividad no ano1898

Centro Comercial Aberto Ferrol A Magdalena - ACOF


No ano 1987 constitúese en Ferrol unha asociación de comerciantes denominada “Area Comercial del barrio de La Magdalena”; coa finalidade da  “ promoción y relanzamiento comercial, social y económico del barrio de La Magdalena”. Posteriormente pasou a denominarse “Asociación de Comerciantes Ferroláns”.
Cristóbal García Nores

No ano 2002 modificáronse os Estatutos para transformarse no Centro Comercial Aberto Ferrol-A Madalena.  Na actualidade, o CCA conta con máis de 150 establecementos asociados.
O Presidente do CCA é Don Cristóbal García Nores, dende o ano 2009, sendo reelixido no presente ano.

O ámbito do CCA coincide co do Barrio da Madalena, quedando delimitado por diversos elementos de señalética. Tamén poden asociarse establecementos doutros barrios da cidade, sendo considerados socios colaboradores.





A partir da constitución do CCA  e unha vez feita a  señalización, tanto do ámbito xeográfico do CCA como dos establecementos comerciais leváronse a cabo numerosas campañas e actividades de dinamización:


  • Campaña de Nadal.
  • Día dos namorados.
  • Día do pai.
  • Día da nai.
  • Actividades infantís


Nestes últimos anos tamén levamos a cabo novas actividades, entre as que cabería destacar o “Mercadillo de Gangas” ; ese día os establecementos participantes sacan á rúa as súas “gangas”; 


Tamén levamos a cabo a Fashion Night /Noite da Moda, para a presentación das dúas tempadas da moda, primavera-verán e outono-inverno.

Ademais de tódalas actividades de dinamización, a creación do CCA supuxo unha maior prestación de servizos aos asociados e, por extensión aos clientes:

  • Envíos a domicilio
  • Regalo de horas de aparcamento
  • Tarxeta de fidelización







https://es-es.facebook.com/ccaferrolamagdalena




Óptica Matínez Pardo, inicia a súa actividade no ano 1898


Corría o ano 1898 cando José Martínez Pardo decide abrir un establecemento comercial en Ferrol.


Lonxe da súa imaxinación estaría que despois de cen anos un bisneto seu aínda mantivese aberto o devandito establecemento, por canto eran anos difíciles e inseguros, con grandes movementos sociais e a economía nacional era por demais deficiente.



Polos seus antecedentes familiares, un dos artigos que pon á venda foron as máquinas de coser, non en vano o seu pai fixera artesanalmente en 1868 a primeira daquelas máquinas que se fabricou en Galicia, pola que obtivo un premio rexional en 1875.


Ademais vendía reloxos de parede, de pé e de peto. E, por suposto, tamén vendía “lentes”, para ver mellor.


No ano 1920, un fillo seu incorpórase ao negocio e comparten xestión máis de 20 anos: era Santiago Martínez e Pardo de Andrade. O traballo compartido faise máis fluído e permítelles acceder a novos coñecementos, instrumentos e técnicas de graduación da vista, así como a maquinaria de tallado e montaxe.


Na óptica tamén as modas evolucionan e cambian, dende monóculos e impertinentes, a lentes de pinza e enxeños polo estilo.


Chegan as primeiras máquinas “automáticas” e xa se ven novas formas e materiais. O Nivel sobe e van desaparecendo os clásicos lentes redondos de carey.


En 1953 prodúcese outro fito tecnolóxico, ao presentar os primeiros audiófonos que se coñeceron en Ferrol; aínda que as súas medidas de 12x6cm asustaban inicialmente, moitos adoptáronos porque con eles gozaron de volver a oir.


Nos anos 50, despois de falecer xa José, o fundador, no mundo da óptica había preocupación polo futuro; multiplícanse as xestións ante as autoridades da época que finalmente dan orixe e regulan a profesión de óptica. Santiago accede á escola de óptica Daza de Valdés en Madrid e obtén en 1955 o seu “diploma de óptico de anteojería”. Para el foi un logro persoal, pero tamén profesional, do que sempre se sentiu moi orgulloso.


Non só mellora o nivel profesional, senón que a irrupción dos chamados “lentes ao aire”, marcan un salto considerable na calidade e a estética dos lentes.


No ano 1968 incorpórase a terceira xeración, se ben esta vez xa co título de óptica baixo o brazo. Era o seu fillo Juan José Martínez Sisto.


Manteñen ambos os dous unha xestión en plena colaboración ata o ano 1991 (en que falece Santiago), dende os tempos de vacas gorda pola que pasou o sector naval, do que Ferrol era un dos seus máximos expoñentes, ata a crise económica dos 80.


Durante ese período, Juan José integrárase en diversas tarefas e cargos, congresuales e colexiais en Galicia e en Madrid, grazas a ter ben cubertas as costas polo seu pai, que vía non sen preocupación aqueles labores e viaxe, polo tempo que lle absorbían, pero cunha íntima satisfacción polo labor da súa vásteza en pro da profesión.


Tras a morte do pai, Juan José empeza a planificar unha remodelación da súa óptica, pois se ben dende 1898 se realizan tres reformas, a situación do establecemento non era plenamente acorde coas necesidades nin gustos da época. E foi en ocasión do cumprimento do centenario (1998) e polo tanto situarse entre as doce ópticas en exercicio máis antigas de España dentro dunha mesma dinastía familiar, que procedeu a unha remodelación integral, tanto de estrutura coma de tecnoloxía, mobiliario e decoración.


Non era unha aposta arriscada, por canto dous dos seus fillos xa lle manifestaran a súa ilusión por incorporarse ao negocio familiar.


Con enorme satisfacción Juan José compartiu a celebración do centenario con moitos compañeiros, nunha reinauguración á que asistiron non só autoridades administrativas, empresariais e económicas, senón tamén do seu colexio profesional, todos os cales lle honraron coa súa asitencia, a el e aos seus antepasados, a cuxa memoria aquel dedicou o devandito acto, á par que iniciou cunha grande alegría e forza a segunda centuria, grazas á ilusión de ter dous dos seus fillos cursando estudos e adquirindo coñecementos para un correcto exercicio profesional.


En efecto, en 2002 incorpórase a súa filla, Beatriz Martínez Bermúdez, ostentando o diploma de óptico optometrista.


Por último, outro fillo, Rafael, fai o propio en 2006, achegando a nova titulación de técnico superior en audioprótese.


Ambos os dous comportan a cuarta xeración consecutiva en liña directa, achegando xuventude e novos coñecementos, no que se espera sexa un chanzo mais nesta longa traxectoria comercial da saga dos “Martínez Pardo” (apelidos do fundador), nome sempre respetado como símbolo de traxectoria, seriedade e compromiso coa sociedade, á que viñeron servindo xeración tras xeración, nestes 115 anos.


Páxina web: www.martinezpardo.es













No hay comentarios:

Publicar un comentario